Benvidos iogis!
Por fin chegastes a estas lonxanas terras, onde poderedes perfeccionar a vosa técnica de meditación, aliñar os vosos chakras, e liberar o poder definitivo: a enerxía Kundalini!
Vós os dous sodes os mellores iogis en décadas... que digo décadas, sodes os mellores en séculos! Pero acadar o acceso á Academia Kundalini non é doado, e para facelo seredes postos a proba por 7 Gurus, cada un especializado nun chakra.
Utilizade con tino os extraordinarios poderes que adquiristes nestes longos anos de austeridades, devoción e meditación, e intentade ler con acerto a mente e o corazón do voso contrincante.
Quen demostrará ser o mellor aspirante?
Kundalini é un pequeno xogo de estratexia para todos os públicos onde dous estudantes de ioga se enfrontarán pola única praza vacante á Academia Kundalini.
As túas principais armas serán o calote (terás que intentar enganar teu contrincante!) e o I cut you Choose, ou noutras palabras: eu poño as cartas na mesa e ti decides con cal te quedas.
Logo de dispoñer a ringleira de cartas de Guru diante vosa, xogaredes por quendas ofrecendo ao outro xogador unha carta á vista e outra oculta, e el ou ela terá que decidir con cal se queda e cal che cede a ti.
Con profunda concentración terás que adiviñar cales son as súas intencións para así sabotar os seus plans e poder gañar o maior número de apoios posibles entre as mestras e mestres da academia.
Con cada quenda iredes acumulando apoios dos diferentes Gurus, e quen teña o visto bo dos mestres máis senlleiros gañará a partida.
Podedes ver un pequeno videotitorial do xogo base aquí:
E podedes descargar as regras completas de Kundalini aquí.
Un xogo completo de Kundalini inclúe:
7 cartas de Guru
35 cartas de chakra
8 cartas especias
3 cartas de referencia.
Manual en Castelán, Galego e Inglés
Como bos practicantes espirituais, os nosos obxectivos son sinxelos, modestos, e intanxibles...
Nada de recompensas materiais que distraian a nosa atención e arruinen a nosa concentración! Se acadamos o obxectivo proposto para a nosa campaña, o inefable Mark Wiersma encargarase de crear un fondo musical para o xogo que poderedes desfrutar en pleno combate épico.
O groso do financiamento irá destinado á produción física do xogo, e outro gasto importante irá destinado a loxística.
Unha parte do orzamento por suposto irá para o noso colaborador musical, e o resto corresponde ao pago de taxas e a porcentaxe de Verkami.
A campaña de Kundalini rematará o 28 de Xuño.
Pouco despois comezaremos a impresión dos xogos e logo faremos os envíos. Como o verán adoita ser unha época moi calmada para todo estimamos que, a máis tardar, teredes as vosas copias en setembro, se ben faremos o que poidamos porque estean antes.
Todas as recompensas inclúen o envío.
Diverxente somos unha pequena factoría de xogos independente, a cabalo entre Galicia e Bélxica.
Kundalini é o noso primeiro proxecto.
O principal responsabel (para ben e para mal) desta primeira achega é Iván Sende, que xa participara noutros Verkamis exitosos da serie Sira e o Robot. Porén el só non podería ter chegado moi lonxe, e de feito necesitou dun pelotón de ioguis apoiándoo, liderados por Diana SB e Tamara SG que ofreceron achegas varias sobre todo en labores de playtesting.
Tamén tiveron un papel destacado as persoas que anónima e desinteresadamente ofreceron o seu apoio e crítica na páxina de traballo de BGG.
0 comentarios
Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.