Título: ELAS
Tipo: Curtametraxe
Xénero: Drama/Suspense
Duración: 25 minutos
Idioma: Galego/Castelán
Formato: Dixital 4K
Rodaxe: 15-29 de xullo
Estrea: Xaneiro 2020, Eastman School of Music
ELAS conta a historia de Avelaíña, unha muller que se volve indestrutíbel na súa vellez a través da dureza que caracterizou a vida en Galiza a finais do século XIX e principios do XX. A historia presenta un retrato da comunidade galega centrado nas súas mulleres e baseado na relación que existe entre as dificultades da vida en Galiza e a súa cultura mitolóxica.
A estrutura da curtametraxe presenta oito momentos traumáticos que retratan a viaxe de Avelaíña dende a infancia até a vellez. Após cada un deles, recibe a visita dunha criatura aterrecedora baseada no maragato do entroido galego, que ten de cabeza un cranio de vaca, e que lle dá un lategazo, símbolo dun golpe da vida. Finalmente descubriremos como Avelaíña vence ó maragato ao cumprir o seu proceso de crecemento ligado ao colgante en forma de trisquel que as mulleres da súa familia pasaron de nai a filla durante xeracións. Vemos neste momento como a fortaleza galega calla a través da dor, encarnada na figura case-divina da muller galega, caracterizada polo paradoxo de acadar o seu momento de máxima fortaleza interior no seu momento de menor fortaleza física.
Nota do director
2016. Los Ángeles
Apenas aterrara no país un ano antes e tiven a sorte de conseguir un posto aquel verán traballando no estudio de música de cinema dos meus soños. Un día, ao rematar a xornada laboral, fun ao Film Festival de Los Ángeles a ver un documental sobre o Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma, do que forma parte a famosa gaiteira Cristina Pato. E alí, en metade dun teatro enorme, comezaron a falar de Galiza. Foi extraordinario. Compañeiros de todo o mundo e de todas as idades abraiados polos recunchos onde eu crecera. Foi entón cando agromou en min un pulo poderoso de dar vida a Galiza de xeito universal. O tempo que pasara fóra de casa abriume os ollos a unha Galiza que só toma forma precisamente dende a distancia.
2018. Rochester, Nova York.
Entro no despacho do director do Departamento de Música de Cinema de Eastman en outubro. O meu proxecto de fin de máster previsto para dous anos máis tarde consiste en pór música a un traballo de longa duración. Entón fago a proposta: "Mark, gustaríame facer o filme, unha historia sobre Galiza baseada na vida da miña avoa. Sabes que o seu irmán se queimou vivo diante dela cando apenas tiña 3 anos?" Imaxinádesvos seguramente a cara que puxo Mark. "Vaia tío máis raro, mi madriña quirida". Con todo, morría de curiosidade polo proxecto e deume a súa bendición con entusiasmo.
A bóla de neve comezou a rolar. A euforia de dar vida á maxia de Galiza a través de ollos estranxeiros en Estados Unidos escintilaba nos ollos de cidadáns de ambos os países. E así naceu ELAS. Un día, camiñando para a casa, tomou forma o guión na miña cabeza e, con bágoas nos ollos, púxenme a escribilo.
Sobre a estrea
ELAS estrearase coma proxecto de fin de máster neste teatro da Eastman School of Music (NY, EEUU). Como tal, a estrea farase coa banda sonora ao vivo da man da orquestra EFAME. Entre o público haberá compositores de fama mundial e xente do mundo artístico con capacidade de propagar e impulsar este proxecto máis aló das nosas humildes aspiracións previas, ao estilo do conto da leiteira.
Esta é unha oportunidade única na miña vida para converter a miña visión, a miña familia, o meu país e a todos os que queirades compartila comigo en arte; para fomentar unha relación máis bela e sensata coa nosa contorna nun mundo desorientado polo materialismo e unha crecente falta de rumbo e propósito. Levemos Galiza ao mundo, fagamos que os nosos soños de beleza se transformen en bágoas de ledicia pola vida. Porque hoxe en día vivimos moito, porén, parece que cada vez custa máis traballo atopar razóns para o facer.
Sobre as recompensas
Agradecemos a vosa xenerosidade. Sodes para nós parte da familia. Queremos que levedes convosco un anaco do proxecto en troca da vosa contribución: pósters, exclusivas da rodaxe e da composición da música, a partitura da banda sonora, guións, todo asinado polo equipo; ceas, skypes, bicos de Avelaíña "a vella", etc. Cada un de vós sodes unha nai de ELAS.
Sobre nós
Somos un equipo de novos talentos de Galiza, Catalunya, e EEUU cun excelente portfolio de traballo a nivel individual que conta co asesoramento de xente con ampla experiencia de éxito no campo.
A que destinaremos as vosas contribucións?
Cando tomamos a decisión de acometer este proxecto hai uns meses, fixémolo coa idea de usar os nosos fondos económicos persoais. A nosa paixón é enriquecer a vida das persoas a través da beleza. Esta idea fundamental é a que nos leva a investir o noso tempo, o noso esforzo e os nosos propios cartos para facer de ELAS unha realidade.
As vosas contribucións servirán para aliviar o esforzo económico persoal e para levar a produción a un nivel que, doutro xeito, sería imposíbel para nós. Grazas a esas contribucións poderemos cubrir os custos de rodaxe (comida, transporte, localizacións, etc.) e custos de material de produción (dron, slider para as cámaras, focos de luz, atrezzo, etc.)
Debedes saber que a banda sonora presentará unha innovadora fusión de son cinematográfico convencional de orquestra e electrónica con instrumentos celtas, como gaitas e zanfonas, e outras sorpresas nas que estamos a traballar. As vosas contribucións axudarán tamén aos músicos, enxeñeiros e espazos de gravación necesarios para a música do filme.
Calendario previsto
Preprodución: Decembro 2018 – Xuño de 2019
Rodaxe: 15-29 de Xullo
Postprodución: Setembro- Decembro 2019
Estrea: Xaneiro 2020 neste teatro da Eastman School of Music (NY, EEUU)
Recepción das recompensas: Xaneiro de 2020.
Distribución, presentación en festivais, posíbeis presentacións con música ao vivo coa orquestra de cinema EFAME.
+ Info
Redes sociais:
Síguenos en INSTAGRAM
Síguenos en FACEBOOK
6 comentarios
Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.
Juan García dios
Mucha suerte!! Deseando poder verlo !
Kevin Rowan
Proud to be a sponsor of this important piece of Galician art
Silvia Servan
Mucha suerte a todos!! Desde Málaga os deseamos lo mejor!!
Carlos Núñez Deza
Deseando ver este corto. Ánimo!
Samuel Rausell
Mucho ánimo! Espero ver pronto cómo lo realizáis ;)
Begoña Sío Castiñeira
Estos son los proyectos que nos hacen falta en Galicia. ¡Ánimo, equipo!