“Os Nosos: futbolistas e adestradores que defenderon as cores do Celta e do Deportivo" é un libro que traza, por primeira vez, os perfís de todos aqueles xogadores e adestradores que nalgún momento militaron nos dous principais equipos de fútbol de Galicia, o Real Club Deportivo de La Coruña e o Real Club Celta de Vigo.
Escrito en lingua galega, recolle algunha das historias máis descoñecidas daqueles futbolistas que tomaron o camiño de ir canda o veciño do norte ou do sur tras xogar no seu máis directo rival. De feito, un deles, Vicente Celeiro, querido en ámbolos dous clubs e que mesmo recoñece que ten un fillo do Celta e outro do Depor, é quen lle pon as primeiras palabras a esta obra tras aceptar realizar o seu prólogo.

Quen está detrás de “Os Nosos”?
Os autores de “Os Nosos” teñen cousas en común e cousas que o diferencian. En común, as súas vidas. O 1 de outubro deixan de ser dous para converterse en matrimonio. E que os diferencia? Unha, Noela, leva a cor celeste no sangue; o outro, Héctor, leva a marca branquiazul na pel. E deste curioso matrimonio persoal nace un futbolístico e investigador que consegue levar a un libro algunhas das mellores historias dos clubs dos seus amores.
Noela leva máis de dez anos traballando en diferentes medios de comunicación do país e Héctor é un historiador do fútbol galego con varios libros publicados, incluida a "Historia do Trofeo Teresa Herrera". Quen dixo que os rivais non poden compartir cousas?

Que se atopa en “Os Nosos”?
Esta obra está chea de historias e datos inéditos, non só para o gran público. E é que, unindo as nosas formacións como historiador e periodista, logramos acceder e sacar á luz algunhas anécdotas e feitos totalmente descoñecidos e que teñen neste libro a súa primeira viaxe ante o público. Seguidores do Celta e do Deportivo quedarán coa boca aberta cando saiban quen vestiu as súas cores.
Configurado a xeito de enciclopedia do fútbol celeste e branquiazul, "Os Nosos" repasa de forma alfabética a traxectoria daqueles xogadores que nalgún momento vestiron as dúas camisolas.


Que buscamos con “Os Nosos”?
Temos varios obxectivos. O primeiro deles xa está cumprido, a realización dun libro a catro mans e dúas cores futbolísticas. Os outros obxectivos que buscamos son:
1. Dar a coñecer a historia dos protagonistas, moitas delas, inéditas, descoñecidas e máis que sorprendentes.
2. Conmemorar a efeméride do 75 aniversario do primeiro derbi galego en Primeira División, que se cumprirá en outubro de 2016, curiosamente, tres días antes do derbi galego desta temporada.
3. Contribuír a que siga aumentando o clima de cordialidade entre as dúas afeccións que se está a fomentar dende hai uns anos, tras moito tempo de violencia e incidentes. O noso exemplo, unha xornalista de Arbo e socia do Celta, e un historiador da Coruña e socio do Deportivo, pode servir de mostra de que se pode vivir un derbi con rivalidade sá.
4. Incidir na normalización da lingua galega a todos os niveis, xa que está escrito de modo íntegro na lingua propia de Galicia.

A que destinaremos as vosas achegas a "Os Nosos"?
As vosas achegas permitirannos cumprir o soño de ver o libro impreso e, ademais, farán posible que vos fagamos chegar as recompensas que tan ben gañariades.


Calendario previsto
O libro está completamente rematado, a falta de introducir os nomes dos colaboradores e mecenas. En canto consigamos o obxectivo de financiación, enviaremos o libro e as recompensas á imprenta, co que en cuestión dunhas poucas semanas recibiriades todo nas vosas casas.



0 comments
If you are already a sponsor, please Log in to comment.