EN QUE ESTADES A TRABALLAR?
Postre é unha curtametraxe de ficción, cunha duración duns 15 minutos. Gústanos crear ficción para falar do que percibimos na vida diaria, crear personaxes e situacións nas que todas vos poidades sentir reflexadas dun xeito ou doutro.
A protagonista da historia é Sara, unha anciá de 70 anos que vive soa no rural e vai de visita á cidade por unha comida familiar. A ela fáiselle estraña a proposta; xa é moi pouco habitual. E o que vai descubrir pode que non lle guste nada...
O xénero é o de suspense. Queremos explorar como o paso do tempo afecta á comunicación e á confianza dentro dunha mesma familia. Á súa vez, facer ao público cómplice do que lle acontece á protagonista xoga na historia que queremos contar. Por iso tamén queremos que sexades cómplices deste proxecto con este crowdfunding.
Cinco personaxes acompañan a Sara na curtametraxe. O seu irmán, dúas fillas, un neto e unha coidadora. A selección de actores e actrices fíxose a finais do ano pasado, e xa comezamos cos ensaios logo dunha primeira lectura de guión.
Un resumo dos seus traballos:
Luisa Merelas: Elisa y Marcela, Fariña, Juana de Vega, Matalobos...
Cristina Fuentes: Fariña, Serramoura, Pazo de Familia, Urxencia Cero...
Javier Gálego: Serramoura, Fariña, El punto frío, Vivir sin permiso...
Antía Costas: Fariña, Prevenidos, Ave y Nada... Cocreadora de Moito Morro Teatro.
Tito Refoxo: Lobos e cordeiros, Viradeira, Serramoura, El punto frío...
Cristina Moreira: creadora e directora do festival de artes escénicas Fóra do Mapa (Ferrol). Intervén en Quien a hierro mata.
E VÓS QUEN SODES?
Son Roberto Alvite e o ano pasado creei xunto ao meu socio Javier Gálego unha produtora de cine social: Melgo Cinema. El vén do mundo empresarial; eu, da educación social. Ámbolos dous tamén somos actores (sen ir máis lonxe, Javier interpreta a un dos personaxes de Postre). El pasa dos 55; eu acabo de cumprir os 30. Cremos que da comprensión e unión das nosas diferenzas, das nosas perspectivas vitais e profesionais, podemos traballar por aportar algo rico ao noso mundo.
E optamos polo cine social. Con isto pretendemos que todos os nosos proxectos visibilicen realidades do día a día, especialmente algunhas que baixo o noso punto de vista non reciben a atención necesaria, para que en calquera caso sirvan para potenciar o pensamento crítico sobre o que nos rodea, sempre deixando que sexa o público quen forme a súa opinión sobre o que ve. En resumo, vemos o cine como algo máis ca un medio de entretemento.
O ano pasado rodamos As tres caídas de María Santiso, outra curtametraxe de ficción, unha comedia dramática sobre a muller no rural galego. Se tes curiosidade por coñecer máis do proxecto, e ver o que conseguimos (fotos de rodaxe, tráiler, etc.) visita www.vascaermaria.gal Tamén podes seguir a súa evolución mediante as nosas redes sociais, que listamos abaixo de todo. Ou pinchar neste vídeo e coñecer ao equipo de traballo antes, durante e despois da rodaxe:
O EQUIPO É...?
Vemos a curtametraxe como un formato fundamental do cine, piar do que chega a ser hoxe en día e o que será no futuro, e apostamos por coidalo o máximo posible, dun xeito profesional. Por iso rodeámonos de persoas cunha mestura de experiencia e talento:
Produción executiva, guión e dirección – Roberto Alvite
Produtor e xefe de localizacións – Javier Gálego
Primeiro axudante de dirección – Andrés Alonso
Script – Cristina Lago
Segundo axudante de dirección – Fernando Couto
Deseñadora de storyboard – Sonia Mª Corral
Xefe de produción – Xabier Eirís
Axudante de produción – Soraya Vilela
Auxiliar de produción – Alicia Rodríguez
Dirección de fotografía – Iago Vilarinho
Auxiliar de cámara – Pedro Vilas
Xefe de eléctricos – Abel Lemos
Montaxe – Xaime Miranda
Corrección de cor – Leticia T. Blanco
Xefe de son – Javi Pato (La Panificadora Estudios)
Dirección de arte – Laura Pena
Figurinista – Laura Iglesias
Axudante de figurinista – Sara Barcia
Xefe de maquillaxe e perruquería – Manuel Graña Candal
Axudante de maquillaxe e perruquería – Leticia Gundín
Foto fixa – Nuria Rey e Juanpa Ameneiros
Making of – Lara Capeáns (Drum&Roll Studios)
Deseño gráfico – Iago Vilarinho
A maiores, sumaranse outras persoas cando estea máis próxima a data de rodaxe.
AH, SÍ, A RODAXE. CONTA, CONTA.
Onde?
Nun piso da cidade de A Coruña e en exteriores do Concello de Culleredo (a escasos 5-10 minutos de distancia en coche).
Cando?
A mediados deste mes de maio, en tres xornadas de rodaxe (para 15 minutos de duración da curtametraxe).
En que formato?
Cor, dixital, 2K.
Idioma?
Galego maioritariamente, malia que un par de personaxes tamén falan castelán. Vivimos nunha comunidade bilingüe e tamén queremos plasmar esa realidade, que pode persistir de xeito natural na comunicación entre unha mesma familia.
AJÁ. E DESPOIS, QUE?
A montaxe estará rematada non máis tarde do 20 de xuño. Despois virán a corrección de cor e a postprodución de son. En setembro daremos por rematada a postprodución e comezará a distribución para unha estrea en 2020.
Sabemos que pode parecer moito tempo, pero queremos mimar tódolos procesos de Postre sen que se solape con outros dos nosos proxectos, mesmamente a distribución de As tres caídas de María Santiso. A espera valerá a pena :) Ollo! Isto non quere dicir que teñades que esperar tanto para recibir as recompensas: seguide lendo!
Mentres a postprodución avanza, tamén o fará a promoción. Por exemplo, iremos subindo pouco a pouco fotos co equipo traballando durante a rodaxe polas redes sociais e na páxina web. Non queremos deixar de estar activos ningunha semana.
E QUE IDES FACER COS CARTOS?
Grazas á vosa implicación directa podemos cubrir con garantías:
O aluguer de material de cámara e de material de iluminación.
A postprodución de imaxe e son.
Imprevistos (sempre os hai).
A distribución (participación en festivais, cartelaría, desprazamentos, etc.) por Galicia, España, Europa e o mundo enteiro.
XA, XA, XA. PERO AGORA A QUE ANDADES?
Temos o guión, o storyboard, o guión técnico preliminar, as localizacións e un preplan de rodaxe. Fixemos xa unha primeira lectura de guión co elenco e estamos a comezar os ensaios. Non deixamos de preparar temas de preprodución como a busca de apoios e financiación, ou a promoción, e de levar ao equipo a visitar as localizacións para comprobar aspectos varios (de iluminación, de son, de arte, etc.). Tamén comezamos a facer o making of, co que queremos cubrir aspectos de tódolos procesos da curtametraxe: preprodución, rodaxe e postprodución. En breve estará lista a páxina web, e aquí estamos, recén creada esta campaña.
En resumo, traballamos a diario no proxecto. O crowdfunding é unha parte máis.
E CANDO IMOS RECIBIR AS RECOMPENSAS?
Veredes que temos unha selección de recompensas segundo a cantidade da vosa aportación.
Por favor, tede en conta que a recepción de recompensas será progresiva; é dicir, debémonos organizar e seguir certa orde. Os prazos estimados para recibilas son os seguintes:
1) A ligazón para ver a curta: en outubro. Notificaremos a data prevista con antelación.
2) O fotograma: en xullo, en canto estea rematada a corrección de cor.
3) A mostra do storyboard en PDF: en xuño.
4) A invitación á preestrea: en xaneiro de 2020. Queremos que sexa o pistoletazo de saída do ano de Postre.
5) A dedicatoria en vídeo: a partir de xuño.
6) O póster: a partir de setembro. Pese a que xa en abril teñamos un deseño provisional, ata formalizar os créditos finais e tódolos patrocinadores (durante a postprodución seguimos buscando apoios) non faremos o deseño definitivo; de aí la espera.
7) O microrrelato: en xullo.
8) Coñecer aos produtores: a partir de xuño. Aínda así, por favor, tede en conta que cadrar axendas pode levar certo tempo.
9) A tarta de la abuela: a partir de xuño. Non queremos facervos esperar moito para encher o estómago!
10) As opcións da ilustradora: a partir de xuño.
11) Os logos de empresa e o crédito de produtor asociado:
Na páxina web, o máis pronto posible en canto remate a campaña de crowdfunding, falemos e recibamos o logo.
Nas redes sociais, cando vexamos un bo momento para publicitar todas as entidades colaboradoras. Sentimos non dicir nada máis concreto, pero non queremos dicir unha data por dicir neste aspecto. Depende!
Nos créditos iniciais ou finais da curtametraxe, cando remate a postprodución (setembro).
No póster, cando estea definitivo ao completo (a partir de setembro).
No kit de prensa, en canto estea dispoñible (en outono).
DÚBIDAS
Que pasa se non se consegue o obxectivo de recadación? Perdo o que puxen?
Non. Nin vós perdedes nada nin o gañamos nós. Dito doutra maneira, é imprescindible chegar a esa cantidade para que recibamos o diñeiro e traballar con el.
As recompensas que suxiren envío físico, coma o póster ou a tarta da avoa, inclúen gastos de envío?
Si, inclúen gastos de envío a toda España, por certificado normal en Correos. Se vives na área metropolitana de A Coruña, dámoschas en persoa.
Vale, e iso de "área metropolitana de A Coruña", a que se refire exactamente?
Refírese aos Concellos de Abegondo, A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Ou sexa, que se optades por unha recompensa que inclúa, entre outras cousas, coñecer aos produtores, verémonos nun bar dun deses Concellos que mellor conveña a todas as partes.
Eu non quero que me asinedes o póster!
Jo. Bueno, non hai problema. Se queredes recibilo recén saído do forno, dicídeo cando fagamos o contacto de cara ao envío. Se non dicides nada asumiremos que o queredes asinado!
Non me queda moi claro o da escritura creativa coa recompensa de 70€...
Unha vez esta campaña termine e nos poñamos en contacto con vós, a quen teñades esa recompensa os pediremos que nos digades a palabra que queredes que sexa incluída no microrrelato. Calquera palabra que se vos ocorra. A temática será sobre a familia e a vellez, pero o xénero verase influido pola selección de palabras aportadas polos mecenas. Comedia? Drama? Depende de vós. Todos recibiredes o mesmo microrrelato, pero só haberá sido posible grazas ao voso inxenio.
Para a recompensa de 150€, pódesme ensinar exemplos de retratos?
Claro! Aquí tes uns poucos. Podes ver máis do traballo de Sonia Mª Corral no seu Instagram: https://www.instagram.com/sonia_corral_ilustradora/
CONTACTO
E-mail: [email protected]
Web: http://www.vasquererpostre.gal
Facebook: https://www.facebook.com/melgocinema/
Instagram: https://www.instagram.com/melgocinema/
Vimeo: https://www.vimeo.com/melgocinema/
LinkedIn: https://www.linkedin.com/company/melgo-cinema/
Moitas grazas por apoiar este proxecto!
Se tedes algunha dúbida, intentaremos contestar o máis pronto posible. Podedes usar este medio ou a nosa dirección e-mail: [email protected]
0 comentarios
Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.