Sobre o proxecto
Cantos e cantas de nós desexaríamos coñecer máis sobre a historia das mulleres das nosas vilas? Cantas sentimos que a parte feminina do noso legado está incompleta? Cantas pensamos que existe un baleiro que nos toca encher ás xeracións que vimos despois?
Ese desexo é o que move a creación do documental "As Mulleres dos Fíos". Un filme no que se quere homenaxear a Lolita Aguín (unha pioneira do deseño de roupa falecida en decembro de 2023) e a todas as mulleres que traballaron xunto con ela para poñer ao Grove no mapa da moda. Un mapa que tivo como primeira parada a aventura de costura entre amigas, “Pamaló”, no ano 1969; despois o “taller” -sede da senlleira marca meca Creaciones Lor- e, por último, a creación de “Lolita Aguín, S.A.”.
A importancia da nosa intrahistoria
Esta homenaxe proponse como un documental (que formará parte dun evento maior o día 15 de marzo, con pase de modelos coa roupa creada por estas mulleres, unha posible charla na que falarán da súa experiencia e unha exposición pola historia da moda de O Grove) no que se fale do labor destas mulleres. Un labor que as levou a promover un cambio na vila de O Grove que acabaría traendo a industria da moda ata ela.
Pero o documental servirá tamén como un paseo polo pasado da vila de O Grove a través de numeroso material de arquivo do que dispoñemos en foto e vídeo.
Por que é importante esta historia?
É fundamental contar historias como esta para que se comprenda que, con moi pouco e traballando en equipo, se pode cambiar o rumbo dun lugar. A maiores, non podemos esquecer a importancia que tivo a muller galega na historia da nosa terra, e como se tende a obviar ou a ignorar o papel que elas tiveron nesta.
Sobre as recompensas
Sen importar a recompensa que escollas, o teu nome aparecerá nos agradecementos do documental, así como nun fotocall na entrada do auditorio de O Grove o día do evento. Tamén, terás a entrada gratis ese mesmo día para poder acceder á homenaxe que inclúe, ademais do visionado do documental, un pase de modelos da roupa deseñada na empresa de Lolita Aguín, unha posible charla coas mulleres que formaron parte deste proxecto e unha exposición con fotografías históricas, e os cadros e roupa desta deseñadora.
Ademais, tamén terás a oportunidade de recibir láminas exclusivas de Lolita Aguín (que tamén era pintora) e que só se poderán conseguir participando nesta campaña. As láminas poderán ser recollidas o día do evento, momento no que tamén se poderán escoller entre varios deseños (en caso de non poder asistir ao evento, enviaremos as láminas por correo).
As persoas participantes poden recibir a maiores un fanzine con fotografías exclusivas e a historia da moda na vila de O Grove.
Por último, preparamos recompensas para colectivos coa que lles levaremos a exposición da roupa, fotografía e cadros, así como o documental, a onde nos digan.
Quen somos
Xarda, S. Coop. Galega é unha cooperativa de comunicación, formada por Elena Martín (O Grove, 1989) e Pablo Santiago (Pontedeume, 1989), que leva desde 2020 facendo reportaxes e documentais con temática centrada sobre todo no ámbito do rural e, máis concretamente, nas mulleres do rural. De feito, para Xarda o empoderamento feminino e a reivindicación das mulleres galegas coma o noso maior patrimonio inmaterial, foron sempre dúas das bases sobre a que xiran moitos dos seus traballos.
A que destinaremos as vosas achegas.
Levamos moito tempo con esta idea na cabeza e o que procuramos conseguir, grazas ás vosas achegas, e poder levalo ao cabo por fin.
Os cartos investiranse ao 100% na produción do documental e en cubrir os gastos derivados desta campaña de micromecenazgo.
En canto aos gastos do documental, usaremos o obtido no coidado das testemuñas que poñan voz a esta historia, nas xornadas de gravación e de mergullo nas ducias de vídeos e imaxes que temos sobre O Grove, a fábrica de roupa, Lolita Aguín e o resto de mulleres; e, sobre todo, nas máis de 20 xornadas de edición que calculamos nos levará a montaxe final do documental.
No caso da campaña, utilizaremos os cartos para imprimir e enviar as láminas, na produción e impresión do fanzine, nas entradas ao evento e en calquera outro gasto que poida xurdir.
Calendario previsto
O documental presentarase o 15 de marzo de 2025 nun evento máis amplo no que non só se estreará o documental, senón que tamén haberá un desfile de modelos coa roupa deseñada por Lolita Aguín coa axuda de todo resto de mulleres; unha exposición de fotografías históricas, roupa e cadros; e unha posible charla na que as Mulleres dos Fíos falarán sobre a súa experiencia como creadoras de moda.
Todo o traballo realizarase, polo tanto, entre agora e marzo de 2025 (o traballo farase igual, pero se conseguimos ter unha campaña exitosa, implicará non perder cartos na produción do mesmo).
As recompensas poden recollerse no propio evento. Se algunha das persoas mecenas non puidera achegarse ata O Grove ese día, enviarémoslle a recompensa por correo a partir do 15 de marzo de 2025.
+ Info
Se queres máis información, ou tes algunha dúbida, podes entrar nas nosas redes sociais:
No noso Instagram: @xarda_cooperativa; e no Instagram que abrimos para informar concretamente sobre o documental: @asmulleresddosfios_documental.
7 comments
If you are already a sponsor, please Log in to comment.
almenar25
Me va a resultar imposible asistir al acto de presentación. Mi enhorabuena por el proyecto. Mi correo personal es [email protected] Un abrazo. Antonio Escolar Pujolar
Manuel Casal Lodeiro
Parabéns polo proxecto, Elena e Pablo! Somos quen somos grazas ao que construíron as nosas avoas e avós.
Francisco Meis
Adiante!!! Magnífica iniciativa!!!
Laura Varela
Canto amor vexo neste proxecto, con moitas ganas de ver o resultado final! :)
Sonsoles Lores
Merecido recoñecemento a tía Lolita e a todas as mulleres que tecendo fíos construiron unha parte da historia do Grove.
Maite
Bonito proyecto!!
Agodav
Moi boa iniciativa!