I promessi sposi
Sabela recibe da súa avoa unha terrible herdanza: unha caixa ateigada de “cartas nos seus sobres, e unha chea de envoltorios de azucre, panos de mesa de cafeterías diversas, recortes de papel con debuxos, tarxetas postais, diapositivas con cadros do Museo do Prado...” dun namorado do que nunca se escoitara falar na familia.
A través da lectura destas cartas, Sabela intentará descubrir quen era a súa avoa, e finalmente pescudar a verdade da desaparición do seu autor.
Por que non é unha edición convencional
O obxectivo desta campaña de Verkami é facer realidade a publicación de unha novela imposible de título hermético: “...como o can ao trousado”, o final dun refrán galego cuxa primeira parte é a chave do seu propósito: “Volverás ao pasado...”.
Novela imposible, ou mellor de edición imposible, porque o seu corpo principal está formado polas cartas nas que o protagonista conta á súa namorada ata os máis nimios detalles da súa vida no servizo militar obrigatorio. E iso é moito contar: case que dous millóns de caracteres con espazos! Unha “Fortunata” ou aínda “Guerra e paz” sen que o autor sexa un Galdós nin un Tolstoi.
E eu...de quen veño sendo?
Son o fillo de dona Emelia e de don Manuel, o director do Hispano de Bouzas. Da Promo64 dos xesuítas de Vigo.
E da promoción do 67 da EUETI de Vigo. Responsable do departamento Naval de Galicia, primeiro, director técnico da 6ª Área, despois, e finalmente apoderado da Delegación de Vigo dunha empresa multinacional francesa.
E, ao abeiro da LRU, profesor asociado do Departamento de Enxeñería Eléctrica da Universidade de Vigo, cuxo servizo de publicacións deu ao ferro dúas edicións dun libro en galego da miña autoría.
Pouco antes da miña xubilación, no ano 2013, editamos un libro da anatomía e fisioloxía dos centros de transformación, un pequeno compendio de 1300 páxinas dalgunha das materias impartidas ao longo dos 22 anos de docencia universitaria.
Ao pouco tiven a oportunidade de editar un libro de relatos de diverso propósito que levou “Mirequelledigo” por título e “Crónicas dun filósofo tabernario” por subtítulo. A este primeiro libro seguiu un segundo, “A taberna do Mincha”, e un terceiro que completaba a triloxía: “Escoite e verá!”.
En todo este tempo a novela medraba e medraba vizosa, sen que eu en ningún intre reparara no tamaño que estaba a alcanzar.
A todo isto, Meubook a editorial da triloxía, deixaba á actividade, e ao pouco se producía o peche de Tórculo, a empresa matriz do grupo. Non me fixeron falla moitas xestións para decatarme que conseguir editorial para o meu proxecto non ía ser tarefa doada. E eu, despois de tantos anos de traballo, documentando, escribindo, desenvolvendo e encaixando as pezas deste universo, para facelo o máis parecido posible ao real, non ía deixalo esmorecer nun caixón. Quero publicalo, e quero que sexa nunha edición de alta calidade: Un libro dunhas 850 páxinas en formato 170x240, coas cubertas a color en tapa dura, encadernación cosida e os interiores en branco e negro en papel amarfilado de 80 gramos. Cunha revisión lingüística e maquetación profesionais que fagan xustiza ao contido.
Entón penso en Verkami, un amante da creación co que teño colaborado en múltiples proxectos de amigos e coñecidos.
A historia está terminada, a revisión lingüística a piques de rematar e os pormenores da edición solucionados; agora só falta o impulso dos mecenas para convertela nun obxecto real que poida chegar a mans de lectores que aman a literatura memorialista galega.
Co teu apoio, non só estarás a recibir un fermoso obxecto, senón axudando a facer realidade a edición dun libro de cuxa calidade literaria ningún editor dubidou, pero si da súa rendibilidade económica.
A que destinaremos as vosas achegas.
O certo é que, salvo que o Verkami sexa un éxito total e teñamos que ampliar a edición, os cartos chegarán para pagar á revisión lingüística, a edición do libro e as recompensas. O “viño galego” e os petiscos corren da miña conta.
Calendario previsto
Aínda que estas cousas dos calendarios as carga o diaño, me atrevo a facer a seguinte previsión:
15/10 entrega de original con la corrección lingüística.
15/11 final del proceso de maquetación, elección de portada, etc.
15/12 entrega de libros por parte de la editorial.
2/2/26 entrega de libros por parte del autor
Por se necesitas algunha razón máis para decidirte.
● O esforzo merece a súa recompensa.
Din que "Todo esforzo deixa pegada”. Ás veces —como no caso que nos ocupa— a recompensa non é inmediata, pero sempre chega para quen persiste con paixón e propósito. Entre os proxectos soñados e adiados ata a chegada da xubilación estivo a idea desta novela que practicamente ata á súa finalización non tivo máis nome que “a novela da mili”.
“Unha obra monumental”? Depende. Monumental, se o que se valora é a magnitude do proxecto, o tempo investido e o reto creativo que supón escribir tantas páxinas; os anos de escritura, os monllos de revisións, as moreas de papeis rotos ata dar coa estrutura que fora quen de aturar todo o que quería dicir dun pais que loitaba por ceibarse das cadeas da ditadura, a través das cartas dun soldado ao seu distante amor. Monumental no sentido de enorme, colosal, que non de excelente ou grandiosa, cousa que deixo ao voso mellor xuízo.
● Experiencia de lectura
“Un universo literario completo”: consciente de que só o pequeno, o cotián, o sen importancia, pode transcender ata o universal, decidín conservar nas cartas as redaccións repetitivas, as anécdotas nimias e os detalles intranscendentes, entendendo que a eliminación de todo iso ben podería alixeirar a lectura máis na miña opinión furtaría verdade do texto, xa que nesta parte tan extensa do texto cada unha das cartas debera ser lida —imitando á súa destinataria— como unha historia pechada en se mesma; unha historia que renacería cada día cunha parte inevitablemente igual e outra nova. Con personaxes complexos que evolucionan ao longo dos meses e outros fugaces como meteoritos que brillan un día e non volven a saír nunca máis.
● Valor material e de coleccionista
Un libro deste número de páxinas non é cousa común; é unha peza especial para calquera biblioteca. Citándome a min mesmo podo afirmar que:
Hai libros para calzar mobles auxiliares que se obstinan en cabecear, libros para lanzar á cabeza dun alumno que se empeña en pasar a clase falando co compañeiro, libros de belos lombos para decorar casas de analfabetos funcionais, libros para queimar, aínda que como advirte Manolo Rivas ardan mal, libros para incluír no Índice de libros prohibidos, e mesmo, libros de consumo, para presumir cos amigos.
A coidada edición, a calidade da impresión e o papel, a encadernación e o deseño deste permite todas e cada unhas das utilidades citadas.
● O libro de debuxos e poemas como “meta-obxecto”
“O libro dentro do libro”: O noso personaxe escrebe infames poemas de amor que ten o atrevemento de mandar á súa amada. Tamén fai moreas de debuxos cos limitados recursos de que dispón na oficina de rexemento que a avoa de Sabela tamén conserva entre os seus tesouros. O libro de poemas e debuxos que se ofrece para os mecenas do terceiro tipo é un complemento que enriquece a experiencia permitindo ao lector “entrar” na mente do personaxe.
O libro é un material exclusivo, só dispoñible para mecenas, o que o converte nun obxecto de desexo e aínda materia de coleccionismo.
● Apelación emocional e comunitaria
“Faino posible”: o mecenado é unha tarefa colectiva. Un gran non fai celeiro pero axuda ao compañeiro, cantaba Luis Pastor. O que máis me gusta desta aventura é acadar dos interesados a súa contribución para levar adiante un proxecto que, pola súa envergadura, só pode existir grazas ao apoio colectivo.
+ Info
Non son moi amigo das RRSS (especialmente dende que me expulsaron de Facebook e Instagram sen explicación ningunha) pero montamos no da miña "compañeira de vida" unha páxina do proxecto que vos invito a seguir:
Facebook: Como o can ao trousado
Xa veremos se as forzas dan para ampliar a outras plataformas.
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.