Proxecto
Chámome María Meijide e son pintora. Hai anos que fago diarios gráficos das miñas viaxes pero é dende hai pouco que decidín auto-editalos.
En 2007 percorrín gran parte da Arxentina, dende Ushuaia ata Bolivia, atravesando parte da Patagonia chilena. Un traxecto precioso, algo accidentado e que durou varios meses. Cando estaba a chegar á fronteira Norte, na Quiaca, recibín a noticia de que me concedían unha bolsa en México, de xeito que a viaxe deu un salto ao estado de Zacatecas.
De Ushuaia a La Quiaca (con algo de México) é o caderno que recolle toda esta travesía. Un proxecto que, grazas ás vosas achegas, será un libro impreso a toda cor cunha selección de máis de 100 debuxos feitos do natural durante estas viaxes. Un libro de tinta e acuarela, con textos escritos a xeito de diario, debuxos moi acabados e outros en forma de bosquexos.
A medida que avanzan as páxinas poderemos atopar as xélidas paisaxes de Ushuaia (a cidade máis austral do mundo), os glaciares das Torres do Paine, o icónico Perito Moreno, vistas preciosas debuxadas en interminables horas de autobús, o museo do Che en Córdoba, o cerro de Uritorco, a quebrada de Humahuaca, o Zócalo Capitalino na Cidade de México, o enterro de Antonio Aguilar en Zacatecas, as coloridas roupas dos huicholes... e moito máis!
Pero, por que o edito con dez anos de distancia?
Pois porque no ano 2016 fun convidada á Feira do Libro de Bos Aires, e esta visita transatlántica reavivou toda a experiencia da viaxe anterior. As rúas do actual Bos Aires, algo deprimidas, fixéronme lembrar as de entón, máis ledas; e trouxéronme á memoria un país espléndido que, como nos ocorre a todos, xa non é o mesmo. A México aínda non voltei, pero cónstame que as mudanzas foron grandes; así que antes de nos tornar uns descoñecidos, valla este rexistro en forma de caderno.
Cales son as vantaxes de achegar nesta campaña?
Pois en primeiro lugar, grazas a Verkami e ás vosas achegas, será posible editar un libro precioso, a toda cor e en alta calidade. Un libro que doutro xeito ficaría condenado a un formato de exposición moito máis restrinxido (libro de artista, peza de coleccionista, etc).
Grazas a este co-financiamento todos poderemos desfrutar desta viaxe americana nunha edición libre de intermediarios e a un prezo accesible, máis vantaxoso có de saída ao mercado. (A través desta plataforma, o libro adquírese a 22€, mentres que o seu prezo en librarías será 25€)
Ademais, achegando a esta campaña poderanse obter tamén acuarelas orixinais e láminas personalizadas editadas en alta calidade.
Formato
O libro terá unha edición moi coidada, na liña do caderno De Kuala Lumpur a Beijing que publiquei a finais de 2015.
Parecerase o máis posible aos cadernos orixinais.
-18x19 cms.
-148 páxinas.
-Tapas semiduras en forma de caixa
Levará un pequeno prólogo en español/galego/inglés.
Farei unha tiraxe de 1000 exemplares.
A que destinaremos as vosas achegas?
Impresión do libro e complementos.
Embalaxe e envío
5% taxas crowdfunding+ 21% IVE+ 1,35% taxas bancarias.
Se o proxecto supera o orzamento, adicarei o diñeiro a sufragar os gastos de maquetaxe e deseño e a ampliar a tiraxe do libro.
Acerca das recompensas
Para aquelas persoas que queirades facer as vosas achegas a este proxecto, ofrezo un amplo abano de posibilidades:
-Libro asinado e adicado.
-Reproducións do caderno en láminas de 18x18 e 20x40 cm.
-Mapa emocional de Santiago de Compostela de 50x70 cm., cartografía de autor(a) alegre e colorista enrolada en tubo de cartón.
-Láminas eróticas, tamén reproducións de acuarelas en alta calidade (20x40 cm).
-E para mecenas coleccionistas existe a opción de acceder a obra orixinal: unha serie de acuarelas de formato medio (40x20 cm. aprox.) ou a posibilidade mesmo de se facer cun caderno de viaxe orixinal.
Estes son os lotes dispoñibles:
Calendario previsto
Comezarei co reparto das recompensas inmediatamente despois de finalizar a campaña (A finais de decembro)
O libro xa está a punto. A maquetaxe case rematou e apenas cómpre agardar polo empurrón de financiamento que permita levalo ao prelo.
En todo caso, os envíos comezarán con certeza antes do 5 de xaneiro.
0 comentarios
Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.