ACTUALIZACIÓN [22-02-16]: Ampliamos o prazo para facer achegas até o 9 de marzo.
A primeira edición ( Véspera de Nada + Touda, 2015 ) deste ensaio de Manuel Casal Lodeiro esgotouse en apenas 1 mes. Quedaches ti sen o teu exemplar ou préstache axudar a que fagamos máis?
Queremos que nos axudes a facer posible unha 2ª edición deste libro que aborda a cuestión política máis crítica e agachada desta época excepcional da historia que nos tocou vivir: cómo a Esquerda política está a responder diante da situación de colapso civilizatorio que temos enriba, motivada principalmente polo esgotamento da enerxía fósil ( Peak Oil ), mas non só.
Este é o libro que toda persoa de esquerda debería ler, en palabras do activista ecoloxista Xabier Vázquez Pumariño, unha obra imprescindible para os movementos de esquerda que queiran sobrevir a estes tempos convulsos, para Antonio Turiel, un dos científicos que máis está a facer no Estado Español por explicar o rumo de colapso que levan os países industrializados.
Podes ler máis opinións e reseñas no web do libro.
Contidos do libro
Lembramos os capítulos de que se compón o libro, cuxo índice detallado tedes no seu web Esquerda.Colapso.info:
Limiar (Teresa Moure): Decrescimento (também) para marxistas.
Agradecementos.
Introdución.
Cap. 1: Unha esquerda postindustrial?
Cap. 2: Negacionismo e atrancos psicosociais.
Cap. 3: A adaptación postindustrial doutras correntes ideolóxicas.
Cap. 4: Mutacións do capitalismo moribundo.
Cap. 5: Algunhas das propostas políticas máis conscientes do colapso.
Cap. 6: Escenarios e estratexias da esquerda fronte ao colapso.
Cap. 7: Conclusións. A imprescindible adaptación anticipada das esquerdas.
Anexo I: Manifesto “Derradeira chamada”.
Anexo II: Algunhas medidas públicas de mínimos para unha estratexia facilitadora da adaptación social pospetróleo.
Anexo III: Suxestión de autores.
Bibliografía citada.
A que dedicaremos as vosas achegas
Os cartos procedentes deste crowdfunding serán un xeito de precompra do libro, e servirán para financiar a súa reedición, tanto a nivel de remaquetación para mellorar a calidade da edición (basicamente ampliar o tamaño da letra, que algunhas persoas acharon demasiado pequeno) como para o traballo de imprenta, envíos, etc.
O desglose estimado (en base aos custos da 1ª edición) é o seguinte:
Maquetación e deseño: 150 euros.
Sobres e envíos postais: 305 euros.
Imprenta: 1.365 euros.
Comisións e impostos: 230 euros.
TOTAL: 2.050 euros.
Se se supera este obxectivo (estimado para facer 200 exemplares), imprimiríanse máis exemplares, proporcionalmente.
As recompensas
A recompensa é, basicamente, o propio libro (aparte do recoñecemento público do apoio ás persoas mecenas ben sexa no web do libro ou no propio libro impreso, onde tamén incluiremos a listaxe de persoas que apoiaran a 1ª edición e que non houbo posibilidade de incluír nos exemplares da mesma).
As persoas que apoien esta 2ª edición optando por recibir como recompensa 1 só libro, deberán achegar o seu PVP (18 €) porque non queremos prexudicar ás librarías que apoiaron a 1ª edición e que aínda poidan ter exemplares. A partir de aí, as achegas implican un certo desconto:
Se optas por facerte con 2 exemplares, sáenche cun 11% de desconto cada un.
Se optas por 4, é como mercalos cun 16,7% de desconto.
Se optas por 8, é máis de un 20%.
(Xa que logo, estas opcións son interesantes mesmo para novas librarías que queiran despois vender os libros desta 2ª edición que recibirán como recompensa, aparte da publicidade que suporá que apareza o seu nome no propio libro, nos agradecementos.)
Tamén demos como opcións cun interese adicional, a posibilidade de adquirir o libro xunto con outros relacionados:
A Guía para o descenso enerxético (2ª edición), publicada por Véspera de Nada e coordinada tamén por Manuel Casal Lodeiro.
El Oráculo de Gaia, peculiar novela de Érawan Aerlín acerca do colapso civilizatorio.
Calendario previsto
En canto consegamos o obxectivo poñerémonos mans á obra coa remaquetación, revisión, probas de imprenta, etc. Como moi tarde a final do periodo de crowdfunding (que ao comezo era de 31 días pero ampliamos até 40), comezaríamos o proceso o 10 de marzo e estimamos que en 30 días como máximo estaríamos en condicións de comezar cos envíos postais. É dicir, a mediados de abril.
Licencia
O libro ten unha licencia de tipo Creative Commons - recoñecemento - non comercial - compartir igual.
Repercusión do libro en medios de comunicación
Galicia Confidencial (03/12/15): Un libro para entender a esquerda galega e o colapso civilizatorio.
Praza Pública (26/12/15): «Veremos durante un tempo intentos de reflotar o capitalismo a base de espoliar aínda máis o futuro».
Fantasymundo (10/01/16): Entrevista con Manuel Casal Lodeiro, autor de «A esquerda ante o colapso da civilización industrial».
The Oil Crash (27/01/16): Medidas públicas para la transición postpetróleo.
+ Info
Web do libro: inclúe o índice, reseñas, e algúns materiais xa publicados online.
2 comments
If you are already a sponsor, please Log in to comment.
Manuel Casal Lodeiro
Author
Grazas polo teu interese e por "acompañarnos no sentimento", Francisco Xosé! :-)
Efectivamente, sabemos que a algunhas librarías lles quedan exemplares. Esa é a primeira das opcións que vos queremos dar: que vos poñades en contacto con elas, coa que máis preto teñades, ou a que prefirades que volo envío por correo ou paquetería. Tedes a listaxe en: http://esquerda.colapso.info/doku.php?id=librarias (Procuraremos actualizar a medida que nos vaian informando de se esgotaron todos os exemplares.)
Francisco Xosé Candia Durán
Veño de saber con pesar que non acadamos a cifra suficiente para a segunda edición do libro "A esquerda ante o colapso...". Queda algún exemplar da 1ª ed. nalgunha libraría? Grazas.