Quen somos?
Chema Alonso (gaita), David Oitabén (frautas), André Taboada (violín), Roberto González (guitarras), David Casal (baixo) e Loreto de Araujo (batería) formamos Virandeira Folk. En 2012 estreámonos no mundo discográfico con Sons do Atlántico, un traballo que tivo unha boa acollida e que tivemos a sorte de presentar en escenarios como o Auditorio Afundación de Vigo, a Fnac da Coruña ou o Culturgal 2012.
Desde entón o grupo evolucionou en moitos aspectos, incluído o seu son, máis vivo, fresco, moderno e cunha clara vocación pola fusión de estilos. Os cambios experimentados nos últimos anos leváronnos a regresar ao estudo de gravación para plasmar a nosa nova identidade e así poder compartila con todos vós.
En que fase de produción está o novo disco?
Metamorfose é o nome do noso novo proxecto, un traballo que se atopa nun estado de xestación moi avanzado pero que necesita da vosa colaboración para poder finalizalo. A gravación dos 10 temas que comporán o álbum está xa case rematada e nas próximas datas comezará o proceso de mistura e masterización.
Ademais gravamos un videoclip con Area Productions que nos permite ofrecervos un adianto do son de Metamorfose e unha garantía da solidez do noso proxecto. Gypsy Girl, o tema musical do vídeo, estará incluído no noso novo disco.
Cal será o destino das vosas achegas?
Aínda que o traballo de produción musical está case terminado, necesitamos que vos decidades a formar parte do noso proxecto para poder facérvolo chegar. Ademais de cubrir os gastos do estudo de gravación, o principal destino das vosas achegas será a edición do disco para producir copias físicas.
Que recibides a cambio das vosas achegas?
Para agradecervos vosa inestimable colaboración, preparamos unha serie de recompensas que van desde o propio disco a agasallos exclusivos e ata un concerto privado en función da cantidade achegada. Queremos reflectir a nosa gratitude e ilusión da maneira máis persoal posible, polo que todas as recompensas incluirán unha dedicatoria asinada con agarimo por todos os compoñentes da banda.
Calendario
A nosa idea é terminar a gravación dos temas durante o mes de Marzo para poder editar o disco entre Maio e Xuño e comezar a presentalo en concertos a partir desas datas.
0 comentarios
Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.