❗️Para poder empregar Verkami debes facelo dende outro navegador. Instala ou entra desde: Microsoft Edge, Chrome ou Firefox. Microsoft deixou de actualizar o navegador Internet Explorer que estás empregando e deixou de ser compatible coa maioría dos sitios web.

O Gran Libro dos Señores Importantes

Este libro de arte quere reunir a colección de retratos combustibles do proxecto "Adopta un Señor Importante", de Natasha Lelenco. 45 retratos e historias nunha edición exclusiva que só poderás adquirir a prezo especial a través desta campaña. Edición trilingüe: galego, castelán e inglés.

Natasha Lelenco

Un proxecto de

Categoría

Creado en

0
segundos
150
Achegas
6.656€
De 5.400€
Achega ao proxecto
Ver proxecto en English, Castellano e Italiano

Elixe a túa recompensa

Ou apoiao cunha doazón

Achega sen recompensa
Fai unha doazón altruísta ao proxecto xa que simplemente queres axudar a facelo realidade:

Cando remates este libro seguirás sendo tan insignificante como antes

O Gran Libro dos Señores Importantes reunirá por vez primeira o total dos retratos combustibles do proxecto "Adopta un Señor Importante", unha mostra que leva percorrendo diversos espazos de Galicia desde decembro de 2016.

Se acadamos o obxectivo, claro. Se pola contra esta campaña non remata con éxito, as vosas aportacións non serán cobradas, o libro non verá a luz e Os Señores Importantes, como tantas veces acontece, serán devorados polo esquecemento.

Cheguemos a facer o libro ou non, continuaremos sendo tan insignificantes como antes. Diso, e doutras cousas, fala este proxecto.

Unha edición exclusiva a través de Verkami

Ademais das reproducións dos Señores Importantes, o libro incluirá os seus relatos asociados, un epílogo a cargo do historiador Alfonso Mato, un capítulo a modo de memoria explicativa do proxecto e documentación gráfica sobre o proceso e a acción performativa final.

Todo elo coa aposta de facer un libro de arte exquisitamente coidado.

Se non vales de exemplo, sé polo menos un bo escarmento

Nas páxinas deste libro atoparás un completo bestiario de personaxes vítimas da egolatría, da avaricia, da fame de poder... Os Señores Importantes son espellos do peor de nós mesmos e recórdannos coas súas miradas suplicantes que nada importa demasiado e que o tempo é pouco.

Arte ou leña seca?

Este libro é a fase final dun proxecto que naceu como proposta expositiva. Un dos retos que me propuxen foi reflexionar sobre o papel do azar no relato histórico e sobre concepto do valor. Por iso propuxen un xogo descarado: deixar en mans do espectador (público, cliente) a decisión final sobre o que permanecerá e o que non, sobre o que é arte e o que é leña seca.

O día 23 de xuño as pezas non adquiridas arderán nunha fogueira de San Xoán, pero non será en balde. O libro recollerá o total das pezas e converterase no único vestixio da súa existencia.

A que destinaremos a recadación

O destino do diñeiro recadado será o de sufragar os custos da edición do libro na maior calidade que podamos permitirnos, incluídos os honorarios dos colaboradores e os custos de fabricación das recompensas.

Queremos que este sexa un libro especial na túa biblioteca, por iso imos coidar ao máximo os detalles.

Se superamos o obxectivo inicial melloraremos aínda máis as calidades sen que estas repercutan nunha subida do prezo para os mecenas.

Aínda estando pendentes do traballo de composición e deseño, se chegamos ao noso obxectivo as características técnicas serán as seguintes:

120 páxinas a 4/4 tintas

Tamaño 21 x 26 cm

Tapa dura con sobrecuberta

Papel estucado mate de 150gr

Ollo! As previsualizacións do libro neste proxecto son simples recreacións virtuais. O traballo de deseño comezarase ao remate da campaña

Sobre as recompensas

Colaborando nesta campaña fas posible a edición do libro e adquírelo a un prezo privilexiado. (20€ fronte aos 30€ de PVP. final).

E atención!!! As colaboracións inclúen o envío a calquera punto do estado, agás o Pack Mundial que inclúe o envío a calquera parte do mundo!!!

Ademais, podedes facervos coas seguintes recompensas:

  • Unha lámina asinada e numerada dalgún dos Señores Importantes. Dimensións: 20x20cm.

  • Libro Fin da Terra, Costa da Morte, 10 postais de Natasha Lelenco. Un traballo arredor do imaxinario colectivo que da nome á Costa da Morte e reproduce as pezas que formaron parte da exposición homónima no Faro de Fisterra durante o verán de 2015.

  • Un transfer pequeno (aproximadamente 12,5x12,5cm aprox.) sobre madeira de chopo da serie Un Bosque, asinado e numerado. Trátase dunha edición limitada numerada e asinada de transferencias sobre taboleiro de chopo de reproducións dun orixinal deste proxecto no que abordei a idea do fogar a través de casas-árbore.

  • Dúas noites para dúas persoas na Casa das Peritas. Aos mecenas que opten por esta recompensa (só 5 posibles) abrireille as portas da miña casa e do meu obradoiro. A Casa das Peritas é unha antiga casa labrega que recibe o alcume das súas últimas habitantes, as fillas do perito agrimensor que a construíu no 1830. A Aldea de Mallas está no concello de Fisterra, a un paseo andando da praia da Langosteira e nas proximidades da Praia do Rostro. O acollemento faise nunha habitación con cama dobre e con toda a hospitalidade que estea da nosa man. OLLO!!! As persoas interesadas deben contactar previamente a través de [email protected] para confirmar dispoñibilidade de datas antes de facer a súa doazón.

  • O teu retrato como Señor/a Importante. Con esta recompensa ofrezo a posibilidade de contratar un retrato único e exclusivo, na liña do proxecto dos Señores Importantes, sobre un soporte de madeira de forma e tamaño variable (a escoller entre os dispoñibles) e sobre plancha final de entre 50x50cm e 70x70cm. Ademais, e de acordo coa vontade do mecenas, unha reprodución da peza poderá aparecer (ou non) no libro. OLLO!!! As persoas interesadas deben contactar previamente a través de [email protected] para acordar as condicións do encargo (Compre ter en conta que deixarás quedar no retrato o peor de ti mesmo).

Calendario previsto

Esta campaña comeza coa última fase expositiva do proxecto en Os Catro Gatos, Santiago de Compostela, onde poderedes ver en persoa (e adoptar) aos Señores Importantes ata o 21 de xuño.

O día 23, noite de San Xoán, queimaranse as pezas non adoptadas nunha acción íntima nas proximidades da Casa das Peritas, en Mallas, Fisterra.

O crowfunding remata o día 29 de xuño. Coa queima dos Señores Importantes non Adoptados comezaremos o traballo de composición do libro.

Setembro-outubro: Remate dos traballos de composición do libro

Novembro: Fabricación

Primeira semana de decembro: Presentación pública e entrega das recompensas. (O libro estará dispoñible como agasallo de Nadal para os colaboradores da campaña).

Para ver aos Señores Importantes en persoa

Entre o 20 de Maio e o 21 de Xuño os cerca de 20 Señores Importantes que aínda non foron adoptados poderán verse e en horario de 18:00h a 21:00h e de Martes a Sábado no espazo de arte Os Catro Gatos (Rúa das Rodas nº13, Santiago de Compostela).

Aínda que a opción da adopción non entra dentro desta campaña de mecenado, adoptando a algún dos señores dispoñibles sálvalos do lume e, por suposto, tamén contribúes ao éxito do proxecto.

Algo do que se ten contado e falado nos medios:

Máis info no meu espazo de facebook. Sígueme

Preguntas frecuentes

Ainda non hai ningunha pregunta publicada.

¿Tes algunha outra dúbida ou pregunta?

Pregunta ao autor/a

6 comentarios

Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.

  • Guille Olguin

    Guille Olguin

    case 7 anos

    ¡Qué bien! Felicidades

  • Carlos Meixide

    Carlos Meixide

    case 7 anos

    Meiji/Meixi xa temos o noso!!!

  • Natasha Lelenco

    Natasha Lelenco
    Autor/a

    case 7 anos

    Moitísimas grazas Malvido!!!

  • Malvido

    Malvido

    case 7 anos

    Na Illa de Arousa, desexamos que o proxecto sexa un exitazo, Natasha!!

  • Natasha Lelenco

    Natasha Lelenco
    Autor/a

    case 7 anos

    :) Muchas gracias por la pregunta, Ana! Planteado de este modo, tendrá que haberlo! El primero de ellos es un agradecimiento inmenso! ...Y seguimos pensando... :)

  • Ruiz Ana

    Ruiz Ana

    case 7 anos

    ¿No hay premio a la primera aportadora? ¿aunque no sea importante? ¿ni el premio ni la aportación? Abrazo!!!

#10 / Os Señores Importantes en camiño !!!

Os Señores Importantes na oficina de Correos
Os Señores Importantes na oficina de Correos

Boas !!!

A primeira gran remesa de grandes libros xa está en camiño! Contamos con que, ao longo da vindeira semana, estean xa nas vosas mans.

Nos próximos días enviamos o resto!!!

Aos que vos preste, igualmente, agardámosvos nas 3 presentacións que temos en vista:

Mércores 13 ás 19:45 na Libraría Couceiro, en Santiago de Compostela.

Xoves 14 ás 19:30h na Librería Eixo, en Ourense, onde tamén quedarán instalados os Escarmentos (transferencias sobre madeira dos Señores adoptados e non adoptados)

Sábado 16 ás 19:00h na Galería la Doce, en Boiro.

Este é o derradeiro post desta campaña. Foi un pracer inmenso e estamos agradecidísimos pola vosa implicación.

Dentro duns días o libro estará dispoñible nas vosas librerías favoritas ao prezo de 30€, mais, se queredes algún outro exemplar,… ler máis

#09 / Comezamos coas presentacións e os envíos !!!

O Gran Empresario na portada do libro
O Gran Empresario na portada do libro

Boas !!!

Estamos encantadísimos de anunciar, por fin, a presentación de O Gran Libro dos Señores Importantes e o envío dos vosos packs a partir da vindeira semana. Se tedes ocasión, agardámosvos no Pazo da Cultura de Pontevedra onde faremos a presentación oficial este vindeiro domingo, día 3 de decembro ás 13:30h, no Espazo de Arte Contemporánea, e que rematará cun viño no posto da Galería La Doce onde ademais se poderá ver unha mostra de novos traballos de Natasha Lelenco.

Durante toda a fin de semana, ademais, Os Señores Importantes teñen posto propio no stand número 38 da feira, onde poderedes recoller os vosos packs de mecenas e adquirir láminas, reproducións sobre madeira e por suposto, exemplares adicionais para agasallar nestas festas que xa se achegan.

Deixamos a continuación o calendario de presentacións do mes de decembro. Agradaríanos moito vervos !

Culturgal, Espazo Arte Contemporánea, Pontevedra, domingo 3 de decembro ás 13:30h

ler máis

#08 / Máis lume!!!

No seguinte enlace convídovos a ver o vídeo co que resumimos a noite na que finalmente arderon 9 dos 45 retratos combustibles que habitarán as páxinas do Gran Libro dos Señores Importantes.

LUME, LUME en Vimeo.com

Cando escribimos estas liñas superamos xa os 6000€ de recadación, pero aínda hai recompensas dispoñibles e todo o que academos nos axudará a mellorar a calidade e ambición do libro.

Agradecémoste infinitamente se nos axudas a facer difusión delas nestas últimas horas.

Grazas !!!

- 1 PACK CASA DAS PERITAS

- 3 PACK SEÑORES IMPORTANTES (o único xeito de vos facer cun Señor Importante a imaxe e semellanza de quen tí desexes na liña do proxecto dos Señores Importantes)

  • Exemplares do libro a un prezo máis ventaxoso do que logo terá en distribución.

-PACK ESPECIAL LIBRERÍAS, ESPAZOS DE ARTE, ETC. Adquisición de 10 exemplares a prezo reducido que da dereito á organización dunha presentación do libro, no vindeiro mes de decembro, no teu local.

Foto: Nacho Morán Cuadrado
Foto: Nacho Morán Cuadrado

#07 / Lumeeeee !!!

Grazas, grazas e grazas !!!

6 meses de exposición itinerante, 36 Señores Importantes adoptados e 9 que foron ao lume de San Xoán. E na mesma fin de semana a feliz noticia de termos acadado o obxectivo mínimo para a edición do Gran Libro dos Señores Importantes.

O verán vai vir cheo de cousas e de traballo porque temos por diante aínda todo por facer, pero coa tranquilidade e a forza que nos da saber que hai unha comunidade de máis de 120 persoas que vos deixáchedes liar para apoiar este proxecto tolo.

Quedan 3 días de campaña, así que alá vamos a ver se conseguimos erguer aínda máis esta aventura. Un novo obxectivo, o de chegar aos 6000 euros de orzamento para o que precisamos sumar cando menos 30 mecenas que merquen por adiantado o Gran Libro dos Señores Importantes.

Queremos contar contigo nesta recta final para pedirte que presumas con orgullo de… ler máis

#06 / Queremos convidarte !!!

Xa somos máis de 100!!! O proxecto avanza a moi bo ritmo e agardamos acadar o obxectivo moi pronto grazas ás vosas aportacións e á vosa implicación na difusión, aínda que precisamos que se sume moita máis xente ata o día 29!!!

Pero mañá vai ser un día especial. Este venres 23 queimaremos os Señores Importantes non adoptados nas proximidades do meu estudio en Mallas (Fisterra), por iso, se vos apetece e se podedes, estades convidados a visitalos nas súas derradeiras horas no espazo no que naceron.

A Casa das Peritas volverá abrir as súas portas na aldea de Mallas (Fisterra) para unha exposición fugaz de apenas 3 horas de duración (ver localización).

Será este venres 23 de xuño entre as 16:00h e as 19:00h, a tarde antes da noite na que botaremos ao lume os Señores Importantes que aínda non foron adoptados, arredor dunha ducia de retratos… ler máis

#05 / Os derradeiros días dos Señores Importantes

Así van ser as cousas:

Martes 20 e Mércores 21 son os derradeiros días para visitar os Señores que aínda agardan por unha adopción en Os Catro Gatos (Rúa das Rodas, 13, Santiago D.C).

Os Señores déixanse visitar entre as 18:00h e as 21:00h, mais o mércores, por ser un día especial, Os Catro Gatos abrirá tamén as súas portas en horario matinal, de 11:00h a 14:00h.

Ide velos, coñecédeos en persoa e se tedes corazón, salvádeos do lume. Adoptar é un procedemento administrativo rápido e indoloro que da dereito a os levar para casa xunto cun certificado que garante o mantemento dos Señores mentres a súa consistencia e a da propia autora o permitan.

O venres 23 A Casa das Peritas abrirá as súas portas en Mallas, Fisterra, entre as 16:00h e as 19:00h para recibir últimas visitas e condolencias antes do lume íntimo e familiar no que serán queimados.

ler máis

#04 / 75% conseguido!!!

Cuarta semana de campaña e grazas ao voso apoio podemos dicir que xa superamos o 75% do orzamento!!!

Malia todo, o proxecto avanza cara aos seus derradeiros días e aínda compre xuntar moitas complicidades para o rematar con éxito. É por iso que nos gustaría contar coa vosa colaboración na difusión da campaña. Coñeces a alguén a quen poida interesarlle un retrato ad hoc na liña do proxecto? Alguén que xestione un espazo aberto ao público a quen poida interesarlle argallar unha presentación do libro o vindeiro mes de decembro? Alguén a quen poida interesarlle facerse cun exemplar???

Este Señor Importante chámase Okonwko e está inspirado no protagonista de Todo se esfarela, de Chinua Achebe. Sírveme para falar das verdades absolutas e da confianza cega na tradición e nos costumes. Todo o que nos fai humanos é conxuntural e combustible. Okonwko cóntase… ler máis

#03 / Grazas polo apoio!!! Agora ven o máis difícil: A pola segunda metade!!!

Coas vosas achegas estamos xa no 56% do orzamento necesario pero tamén na conta atrás do proxecto. Fican só 19 días nos que aínda temos que xuntar moitas complicidades para podermos editar o libro.

Isto do crowdfunding é algo que me causa unha sensación estraña. Non me gusta pedir e semella que ando pedindo esmola polas esquinas. Non me gusta facer un emprego "tan publicitario" das redes sociais pero semella que se non empregamos os usos da mercado non imos dar acadado o obxectivo.

Debátome entre se ten sentido tanto esforzo e se o libro mesmo vale a pena, se vos trouxo aquí o interese polo proxecto ou o que vos persuade é a nosa insistencia en realizado. A resposta obtereina dalgún xeito co resultado final da campaña.

Tamén me debato entre se vos dar as grazas sen máis ou se vos pedir aínda máis implicación animando á xente da vosa contorna a participar para que a campaña non fique parada no esquecemento.

ler máis

#02 / Máis de 50 mecenas !!!

Moitas grazas a todas e a todos os que xa vos sumáchedes ao proxecto. Somos máis de 50 !!! Cheguemos ou non ao obxectivo da campaña, sodes parte das raíces que manteñen en pé este proxecto.

E para celebralo quero ter un pequeno detalle: Vou facer unha tirada de 100 pequenas láminas desta peza da miña serie "Un bosque" que sumarei ás vosas recompensas e ás dos seguintes mecenas que se unan se finalmente alcanzamos o obxectivo.

Chámase "debaixo das tormentas medran mulleres fortes" e fai memoria do que nos mantén en pé aínda que non sempre se vexa.

Grazas !!!

#01 / Semana 1

“OS NOSOS DÍAS SON POUCOS EN NÚMERO E CALQUERA COUSA QUE FAGAMOS É UN SOPRO DE VENTO” - Poema de Gilgamesh

Esta cita fai parte dun poema moi antigo que se conta entre as moitas ideas inspiradoras deste proxecto, o Poema de Gilgamesh. O azar fixo que un viaxeiro inglés descubrira no século XIX as ruínas dun palacio, e nelas, paradas no tempo, decenas de miles de taboíñas de arxila entre as que se atopaba este poema. Paréceme tan fascinante a enorme dimensión das cousas que ignoramos e o azaroso da súa supervivencia que o quixen abordar desde as artes plásticas. Aos poucos, cheguei a este proxecto que ten a destrución, a desaparición, a queima, no seu xerme.

O Gilgamesh do poema loita e chora pola inmortalidade. O meu sabe que é mortal, apenas un anaco de madeira salvado do lume.

Será unha vez máis o azar quen decida se son moitos os que nos acompañen nesta viaxe e acadamos o obxetivo. Do contrario O Gran Libro dos Señores Importantes non terá razón de ser e ficara no esquecemento.

ler máis

Utilizamos cookies propias esenciales para poder ofrecer nuestro servicio y de terceros para poder conocer el uso de la página. Política de Cookies