SoaSuarna: Festival cultural en Navia de Suarna
SoaSuarna é un festival cultural gratuíto con programación expandida que nace en Navia de Suarna, no corazón dos Ancares, co obxectivo de activar o rural a través da cultura. Un proxecto que pon en valor tanto o talento emerxente galego como as iniciativas locais que levan anos construíndo comunidade.

Nace no 2025 como traballo de fin de grao de dúas estudantes de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, e continúa nesta edición de 2026 da man da asociación Xuventude do Navia, entidade clave na dinamización cultural da zona.
SoaSuarna xorde como resposta á centralización cultural, que concentra programación, recursos e oportunidades nas cidades, deixando moitos territorios fóra do mapa cultural, coma se neles non sucedese nada. Mais o rural non é periferia nin silencio; é territorio vivo, con comunidade, memoria e capacidade real para facer e compartir cultura.
Desde os Ancares lucenses, este proxecto reivindica o dereito a facer cultura aquí, desde aquí e para aquí. Porque a cultura non debería depender do lugar, senón da vontade de compartila e facela medrar en calquera territorio.
A proposta combina concertos, obradoiros, charlas e actividades interdisciplinares ao longo de todo o ano culminando o 22 de agosto de 2026 cun festival aberto, diverso e participativo.
Programación expandida
No SoaSuarna entendemos que a cultura non debe concentrarse nin en poucos lugares nin en poucos días. Por iso, desenvolvemos unha programación previa ao festival con actividades que potencian o territorio e xeran comunidade antes do día grande. Encontros e propostas de diversa índole que conectan co contexto local e coas persoas que o habitan. Entre elas inclúense obradoiros, concertos , xornadas temáticas e a organización e participación en eventos locais.


O festival – 22 de agosto
O día grande de SoaSuarna celebrarase o 22 de agosto cunha xornada de música en directo, na que o talento galego emerxente será protagonista.
Comezaremos cunha sesión vermú e, ao longo da tarde, sucederanse os concertos, xerando un espazo de encontro arredor da música e da cultura. A proposta sonora aposta pola diversidade: desde a música tradicional ata propostas urbanas e electrónicas, reflectindo a riqueza da escena galega actual.

Durante a xornada tamén haberá actividades paralelas, como un obradoiro de baile tradicional centrado nos pasos da zona, xogos populares para crianzas e unha feira de artesanía e productos locais.
Un festival pensado para todas as idades, aberto e gratuíto.
Un proxecto con vocación sostible
SoaSuarna nace cunha clara vocación sostible, adaptada ao contexto no que se desenvolve. Apostamos por unha produción que coida os recursos, reduce o impacto ambiental e fomenta o uso de materiais reutilizables, contando ademais co tecido local para a organización e o desenvolvemento das actividades.
Entendemos a sostibilidade non só como cuestión ambiental, senón tamén social: defender o rural, coidar quen o habita e construír cultura desde o propio territorio.
Por que precisamos da túa axuda
SoaSuarna é un festival gratuíto. Queremos que calquera persoa poida achegarse e participar sen barreiras, pero facelo posible require recursos.
As vosas achegas permitirannos cubrir gastos esenciais como:
● Cachés e desprazamentos de artistas
● Alugueiro de equipamento técnico
● Materiais para obradoiros e actividades
● Infraestrutura e loxística
As recompensas poderán recollerse ÚNICAMENTE o día do festival 22 de agosto, no propio punto de encontro habilitado. No caso de non poder asistir, informaremos nas nosas redes de cal será o punto de recollida en Navia de Suarna.
As vosas achegas son fundamentais para facer realidade este proxecto. Cada euro conta e cada achega é unha semente de cultura que medra no rural. Grazas por formar parte de SoaSuarna!
Apoio institucional
O evento conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo; así como da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Este proxecto tamén conta co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo.
As nosas redes
● Segue o proxecto no noso Instagram
● Tamén en Facebook
● E ademais en TikTok!
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.