Os teus ollos bonitos están crecendo é unha curta sobre como a presión estética pode marcar a vida dunha adolescente e as feridas que perduran ata a idade adulta. A historia de Helena, contada en dúas etapas vitais, convida a reflexionar sobre como nos miramos e como nos miran. Queremos contala en galego, con coidado e verdade. Axúdanos a facer realidade esta historia que importa ✨
Helena, unha adolescente de 13 anos, idolatra á súa nai Rosa e ve nela un espello no que mirarse. Pero todo cambia no día da súa última revisión pediátrica. Un comentario da médica sobre o seu peso altera para sempre a súa percepción de sí mesma. A partir dese momento, a súa ollada cara ao espello fractúrase, e a súa relación co corpo convértese nun terreo de batalla silencioso. O que comeza como unha inquedanza convértese nunha obsesión, e sen decatarse, entra nunha espiral de condutas perigosas que a acompañarán ata a idade adulta.
Trece anos despois, os roles invirtense. Helena, xa adulta, coida da súa nai enferma. No reencontro, as feridas do pasado volven abrirse, obrigándoa a enfrontarse á súa propia historia. Entre o peso da culpa e a necesidade de reconstruírse, atopa unha resposta: aprender a mirarse de novo, máis alá das esixencias, máis aló do que sempre lle ensinaron. Porque ás veces, abrir os ollos é o primeiro paso para comezar a vivir
Somos Lydia Prada e Mimí Ferreiro, as directoras de Os teus ollos bonitos están crecendo. Lydia é creadora do proxecto, coguionista e directora escénica; Mimí vén do mundo da fotografía, aportando un enfoque máis técnico. Este encontro nace da vontade compartida de poñer imaxe, palabra e corpo a experiencias que marcan, e que moitas veces fican silenciadas.
A curta afonda no impacto que teñen os estándares estéticos na saúde mental e na forma na que a mirada allea condiciona o modo de vernos. Non falamos só de trastornos da conduta alimentaria, senón de todo o que os precede: comentarios, comparacións, espellos, silencios.
A historia estrutúrase en dúas liñas temporais que dialogan entre si: por unha banda, vemos a Helena adolescente, no momento en que comeza a interiorizar esa presión estética; por outra, atopamos a Helena adulta, que debe mirar cara atrás mentres coida da súa nai enferma. Este contraste permítenos explorar como se herdan certos discursos e como o pasado continúa presente no corpo, na mente e nas relacións.
Quixemos facer esta historia porque nos interpela, porque a sentimos preto e porque en Galicia apenas existen referentes audiovisuais que aborden esta realidade desde unha mirada propia, coidada e non estigmatizante. Contala na nosa lingua é, tamén, un xeito de resistencia.
Deixamos unha pequena biografía de cada unha:
Creadora e intérprete graduada en Arte Dramática na especialidade de interpretación textual pola ESAD de Galicia. Actualmente, forma parte do elenco da compañía emerxente lucense de teatro Bengala Teatro Físico. Ademais, a súa formación como Técnica Superior en Igualdade de Xénero dálle unha perspectiva crítica e comprometida que impregna os seus proxectos. No ámbito audiovisual, traballa en webseries como Ecos dun verán, finalista do Premio a proxecto de webserie do Carballo Interplay 2024, 1/2cre (Mediocre), de Iván Alonso (John Balan Fest), e a segunda tempada de Rent-a-pal, de Irene Pin para A Galega. Así como en Nómades, producida por Mala Herba Produccións e cofinanciada por AGADIC. Coprotagoniza e crea o curto Sempre estou aí, finalista no Film Festival 9/16 (2024). E en 2024 recibe o Premio a Mellor Actriz 2024 da Escola de Imaxe e Son de Vigo.
Ela é estudante de Iluminación, Captación e Tratamento da Imaxe na Escola de Imaxe e Son de A Coruña con formación previa en planificación de producións audiovisuais (RTVE) e fotografía. Participou en diversos proxectos, como a webserie Ecos dun Verán (2024), desempeñando labores de foto fixa, making of e axudantía de produción; e na curtametraxe Sempre estou aí (2024), nominada a mellor curta 9/16 no 9/16 FilmFest, como axudante de producción e foto fixa. Participou recentemente como axundante de fotografía para editoriais da escola FormArte.
Detrás de Os teus ollos bonitos están crecendo hai un equipo técnico entregado e moi talentoso. A través desta historia íntima, xuntámonos persoas de distintos ámbitos co desexo común de contar desde a honestidade e o coidado.
O elenco de Os teus ollos bonitos están crecendo está formado por actrices que poñen corpo e voz a dúas etapas dunha mesma vida. Contamos cunha selección de intérpretes que, dende a honestidade e a entrega, conseguirán transmitir a complexidade do que non sempre se di en voz alta.
Para darvos as grazas polo voso amor, cariño e acollida temos preapradas varias recompensas:
Agradecemento nos créditos. Sairás nos créditos da curta como mostra do noso agradecemento. Se aportas unha cantidade máis alta, destacarémoste como Mecenas.
Póster dixital. Enviarémosche un póster bonito e simbólico da curta en formato descargable, ideal para imprimir ou gardar de lembranza.
Playlist en Spotify. Compartiremos contigo unha lista de cancións que forman parte do universo emocional da curta. A banda sonora está creada por Kanfurneira, e esta playlist complétase con temas que nos acompañaron durante o proceso creativo.
Fotos exclusivas da rodaxe. Accederás a imaxes inéditas e espontáneas que recollen o ambiente, as emocións e os pequenos momentos vividos durante o rodaxe.
Pack de 3 pegatinas. Levarás tres pegatinas con deseños exclusivos feitos con moito cariño, para decorar o que queiras e levar un anaco da curta contigo.
Enlace privado de visionado. Poderás ver a curta antes de que se faga pública, grazas a un enlace exclusivo para mecenas.
Invitacións para unha proxección privada. Segundo a recompensa que escollas, terás acceso a 2 ou 4 entradas para unha proxección especial da curta. Un momento bonito para compartires con quen ti queiras e coñecer parte do equipo.
Pendentes de fabricación galega. Un detalle especial: pendentes feitos artesanalmente en Galicia, pensados para levar posta a esencia do proxecto. Anunciaremos en breves, a través de Instagram, a persoa colaboradora nesta recompensa.
Actualmente atopámonos en fase de preprodución, que se está estendendo durante os meses de xuño, xullo e agosto, tempo no que traballamos na planificación xeral da curta.
A rodaxe está previsto do 1 ao 7 de setembro, e terá lugar en distintas localizacións de Culleredo e A Coruña.
Despois comezará a etapa de posprodución, que irá de setembro ata febreiro. Neste tempo realizaremos a montaxe, a edición de son, o etalonado e a incorporación da banda sonora orixinal.Finalmente, en marzo, enviaremos todas as recompensas ás persoas mecenas que apoiedes este proxecto a través de Verkami. Así mesmo, en marzo tamén sera a proxección privada da curta, idealmente nalgún local de Culleredo. Concretaremos data e lugar máis adiante.
Todo o orzamento recadado en Verkami destinarase integramente a remunerar ao equipo artístico e técnico que fai posible esta curtametraxe. Só se restarán o 10% que será para os costes de producción, como envíos ou materiais necesarios para as recompensas , e o porcentaxe do recadado que se leva a platarforma Verkami (aproximadamente un 8.5%).
Estamos convencidas de que o traballo creativo merece ser recoñecido e dignificado, mesmo en proxectos de baixo orzamento como este. Por iso, cada achega é un paso cara a un cinema máis xusto e sostible.
Ademais, estamos a buscar outras fontes de financiamento complementarias, mediante colaboracións con entidades públicas e privadas. Se estas saen adiante, compartiremos a información nas nosas redes sociais.
Podes seguirnos no noso día a día a través de Instagram en @osteusollosbonitos e contactar connosco no correo [email protected].
Moi pronto abriremos tamén unha conta de TikTok, onde iremos subindo pequenos resumos de cada día de rodaxe para que coñezades os entresixos do proxecto desde dentro 😜.
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.