NOVOS OBXECTIVOS, NOVAS RECOMPENSAS
Xa temos os 6.300 euros que precisabamos para lanzar Galiza Ano Cero! Moitísimas grazas a todxs pola difusión e as vosas achegas!
Acaba aquí esta campaña? En absoluto. Quédannos aínda uns poucos días para que remate o prazo, e queremos aproveitalos para ir un pouco máis alá.
Propoñémosvos que sigades contribuíndo ao financiamento deste canal de televisión non lucrativo. Canto máis recademos, máis programas garantimos e máis sólido será o nacemento. Necesitamos tempo para explorar as que serán as vías de financiamento do futuro de Galiza Ano Cero, e iso tamén son cartos.
Cos 6.300 euros que nos marcamos como obxectivo inicial podemos recuperar o investido até agora, incluíndo os pilotos; poñer en marcha o novo web e a infraestrutura básica do canal; e afrontar a produción dos primeiros dous meses, isto é, catro entregas do debate e outras tantas do de entrevistas.
Cada dúas semanas, Galiza Ano Cero terá que gravar e difundir dous programas, un de debate e outro de entrevistas. Coa escala actual, e segundo o noso orzamento, cada quincena consome arredor de 800 euros.
En consecuencia, estes son os novos obxectivos:
Se chegamos a 7.100 euros, garantiremos dous programas máis e gañaremos quince días para explorar novas vías de financiamento.
Se acadamos os 7.900 euros, aseguraremos a produción de catro programas máis e un mes de marxe para consolidar o funcionamento.
Con 8.700 euros, garantiríamos seis programas máis e un mes e medio para medrar sen perder a escala.
E finalmente, con 9.500 euros, estaríamos en disposición de facer xa mesmo oito programas máis e disporíamos de dous meses extra para pensar, traballar e construír isto entre todas.
E que ofrecemos a cambio? Cales son as novas recompensas?
Estamos moi agradecidas a todas as persoas que contribuíron a acadar o obxectivo mínimo e a todas aquelas que o fagan agora para consolidar o lanzamento de Galiza Ano Cero. Ao comezo eramos vinte. Hoxe somos case 200 a bordo.
Queremos que esa afirmación, que hoxe somos 200 a bordo, non sexa retórica. Gustaríanos que todas esas persoas que fixeron achegas a esta campaña de financiamento participen tamén da construción de Galiza Ano Cero dende dentro. Que se asocien e teñan voz e voto nas decisións que se tomen a partir de setembro.
Por iso, queremos ofrecerlles a todas as mecenas e a todos os mecenas que se convirtan automaticamente en socias e socios de Galiza Ano Cero sen custo engadido.
Este sería o esquema:
A aquelxs que achegaron ou van achegar entre 5 e 50 euros, se queren, convertirémolxs en socixs de pleno dereito, sen custo ningún, durante 3 meses.
A aquelxs que puxeron ou van poñer entre 50 e 150 euros, sempre que queiran, claro, farémolxs socixs de pleno dereito, de balde, durante 6 meses.
E por último, a aquelxs que contribuíron ou van contribuír con cantidades superiores a 150 euros, farémolxs socixs de pleno dereito, sen pagar un peso, durante un ano.
A partir de aí, que cada quen decida. E moitas grazas!
QUE É GALIZA ANO CERO?
Galiza Ano Cero é un canal de televisión sen ánimo de lucro na internet. Contidos producidos de maneira colectiva e horizontal, en código aberto e con transparencia, da comunidade para a comunidade, e difundidos baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - Non Comercial - Compartir Igual (CC BY-NC-SA). Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.
Galiza Ano Cero é unha comunidade aberta. Unha rede de grupos de traballo que poñen en común ideas, afectos e man de obra para construír unha ferramenta, non unha mercadoría. Calquera pode entrar e saír de Galiza Ano Cero. Calquera pode facerse oír e traballar en Galiza Ano Cero. Será o que todas queiramos que sexa.
Galiza Ano Cero é un banco de horas administrado colectivamente pola comunidade. Unha ferramenta que permite afrontar todas as tarefas derivadas da produción de contidos de maneira democrática e sustentábel, optimizando esforzos e recursos e permitindo a implicación de calquera.
Galiza Ano Cero é unha asociación cultural que dá soporte á comunidade e ao canal de televisión. Unha asociación autofinanciada mediante as cotas das socias e as doazóns de calquera que se constitúe ao mesmo tempo que nacen o canal e a comunidade e que será, tamén, o que todas queiramos que sexa.
Galiza Ano Cero é un portal web, www.galizaanocero.tv, e unha constelación de redes sociais. Un obradoiro coas paredes de cristal no que a comunidade e o canal se expresan, traballan e escoitan, á vista de calquera. Nada que ocultar.
Galiza Ano Cero está a piques de comezar a emitir dous programas quincenais, un de debate político e outro de entrevistas. Contidos plurais, pero non equidistantes.
E isto é só o principio. O resto decidímolo entre todas.
PARA QUE PRECISAMOS OS CARTOS?
Pedimos 6.300 euros pero en realidade necesitaríamos moito máis. Iso é o mínimo que se precisa para comezar as emisións e recuperar o investido na posta en marcha das pezas coas que armamos o canal, dende o web até os programas pilotos que irás coñecendo ao longo desta campaña.
A partir de aí, Galiza Ano Cero financiarase a través das cotas das súas asociadas e os seus asociados e mediante as doazóns puntuais que calquera poderá facer directamente no noso web. Achegas libres e voluntarias.
E para que son eses cartos? Para o equipamento técnico, para os gastos que se derivan de que calquera produción destas características e para o traballo das persoas que participan no proceso. Galiza Ano Cero non é un proxecto profesional, pero todas as tarefas están minimamente remuneradas.
Como e canto se paga polo traballo? O que a comunidade decida. Para iso está o banco de tempo de Galiza Ano Cero. Cada tarefa, por mínima que sexa, está identificada, racionalizada e traducida en horas, e todas as horas custan o mesmo. Dá igual que sexa tempo dedicado ao guión, á montaxe ou á comunicación.
CANDO EMPEZAREMOS?
Os programas piloto –un debate, varias entrevistas e un conxunto de tráilers promocionais– xa están gravados e editados. Lanzarémolos durante os 40 días que dura esta campaña, para que non te esquezas de nós e para que poidas avaliar as intencións de Galiza Ano Cero, o que queremos facer.
En canto remate esta campaña empezaremos a traballar para comezar as emisións normais no mes de setembro, á volta do verán. As recompensas, iso si, distribuirémolas antes, xusto cando remate o crowdfunding.
13 comments
If you are already a sponsor, please Log in to comment.
Paula
Boas, non sei se houbo un problema, por que non recibin a miña recompensa polo mecenado. Grazas e un saúdo-
Galiza Ano Cero
Author
Ola, Adrián.
Agardamos que non haxa máis atranco ca o económico para facerche chegar á Hungría as túas recompensas.
Grazas polo teu apoio!
Adrián Magro
Cara señora,
eu fixen unha achega por valor de 30 euros, mais agora vivo na Hungría, a miña pregunta é se vos será posíbel enviar as cousas (a bolso de tela, chapa, caderno) acó.
Saúdos e folgos!
Galiza Ano Cero
Author
Ola, Carme.
Esta campaña ofrece dúas versións, unha en galego, a nativa, que nós escollemos como preferente, como nativa, e outra en castelán.
Se che aparece en primeira instancia a versión castelá é porque o navegador que estás a usar ten esa lingua como predeterminada.
Graciñas pola túa achega e o teu interese. Un saúdo!
carme
Acabo de facer unha aportación e botando unha ollada por aquí. Estou "bastante sorprendida" de que unha e outra vez a páxina apareza en castelán, incluso o saúdo de benvida, despois de darme de alta, é en castelán!!!! como é isto?
sorte e traballo
Galiza Ano Cero
Author
Ola!
Imaxino que será posíbel anular unha das achegas, pero iso está fóra do noso control. Escribe a [email protected] e pregúntalles cal é o procedemento.
Se non tes sorte, avísanos a [email protected] e intentamos resolvelo nós.
Grazas polo teu apoio e desculpa as molestias!
María
Buenos días, como no estoy muy al día de como funcionan estas páginas, he hecho la aportación dos veces,¿ hay forma de anular una?
Galiza Ano Cero
Author
Moitas grazas! Podes contactar coa comunidade de Galiza Ano Cero sempre que queiras a través do enderezo [email protected]. Un saúdo!
M.C.C
Paréceme moi bo este proxecto e coma socióloga encantaríame poder participar do xeito que sexa, debates, entrevistas ou calquera modo de acadar e distribuir cultura e información.
Galiza Ano Cero
Author
Boa pregunta, Dani.
Goteo era a nosa primeira opción, polas razóns que mencionas, pero cando iamos propoñer o noso proxecto aos xestores da plataforma soubemos que había outro, moi interesante, tamén galego e dalgún xeito complementario ao noso (Adtlántida.tv), que tiña todo preparado xa para iniciar a súa campaña de recadación con eles.
Nese intre decidimos –quen sabe se acertamos ou non– buscar outra alternativa, única e exclusivamente para evitar que as campañas se obstaculizasen entre si. Esa alternativa foi Verkami.
Grazas polo teu interese!