"A miña primeira novela de..." será unha colección de novelas ilustradas dirixidas ao público infanto-xuvenil (+11 anos) escritas en lingua galega. Cada novela abordará un xénero ou subxénero distinto co obxectivo de presentar as súas características definitorias aos/ás lectores/as. Ademais, cada un dos títulos conta con ilustracións de Iago Torres París e compleméntase cunha serie de fichas didácticas e interactivas (provistas de Códigos QR) con información relativa á temática tratada. Asemade, cada un dos volumes contará cunha guía de lectura dixital pensada para o persoal docente que queira traballar cos textos na aula.
Publicaranse catro volumes anuais cun ritmo trimestral.
Os catro primeiros títulos, que sairán finalizado o micromecenado, serán “ A miña primeira novela...
... do Salvaxe Oeste" Pegadas de búfalo de Tomás Rivera
... de Maxia" As probas do mago de Vanesa Santiago
... de Fantasía Épica Galega" A caída de Guiomar de Alba Rozas
... de Ciencia-Ficción" Visitantes da estrela vermella de Tomás G. Ahola
Sobre as recompensas
Incluiremos recompensas para todos/as os/as mecenas se conseguimos superar as seguintes metas:
Se chegamos a 3000€ incluiremos un pack de 4 marcadores coa ilustración correspondente a cada novela.
Se chegamos a 4000€ incluiremos un pack de 4 postais coas ilustracións das capas.
Se chegamos a 5000€ incluiremos unha libreta de notas coa ilustración da capa que escollas.
Quen somos
Contos Estraños Editora foi creada no ano 2011 coa intención de promover a literatura de fantasía, terror e ciencia ficción en galego.
O proxecto editorial enfocouse cara a tres liñas diferenciadas: unha revista periódica onde se reunirían en volumes colectivos as creacións dos numerosos escritores e ilustradores, a publicación de novelas individuais e unha liña infantil dirixida ao fomento da lectura e en especial dos xéneros fantásticos e de aventuras.
Na actualidade coordinan o proxecto Tomás Gonzalez Ahola (fundador de Urco Editora e autor de obras como Galiza Mutante: Poder Nuclear! e Alaia e a Deusa), Fernando M. Cimadevila (autor da serie xuvenil O mundo secreto de Basilius Hoffman e a serie infantil As aventuras do Apalpador), e Alba Rozas (Licenciada en Filoloxía Galega e Hispánica, Doutora en Estudos da Literatura e da Cultura). Asemade, a revisión lingüistica dos textos correrá a cargo de José Manuel Dopazo Entenza (Licenciado en Filoloxía Galega, doutorando en Lingüística e investigador do ILG).
A que destinaremos as vosas achegas
Contos Estraños Editora é unha asociación cultural sen ánimo de lucro, de xeito que destinaremos as vosas contribucións a sufragar os custos de tiraxe, de envío, de ilustración e dereitos de autor, así como gastos de xestión da plataforma e das entidades de cobro, co propósito último de poñer en marcha a colección e mantela en vigor.
Calendario previsto
No caso de poder financiar o proxecto, o prazo de envío das catro primeiras novelas será dun mes, contado a partir da finalización da campaña.
2 comments
If you are already a sponsor, please Log in to comment.
victoria canosa
Moitos folgos para este proxecto e para os que veñan!
Xosé Henrique Costas
Parabéns pola vosa iniciativa!