O NOVO DE FERANDO BARROSO E LUÍS PEIXOTO

En decembro poderemos escoitar "Pop”

Fernando Barroso e Luís Peixoto queren achegar á música galego-portuguesa un novo traballo discográfico. Esta aventura Pop, que así o chamarán, é un proxecto novo, participativo, «dirixido a todos os amigos e seguidores de outros proxectos en que traballamos», afirman, e cunha particularidade: só caben nel instrumentos de corda.
Os dous músicos, de ampla traxectoria, súmanse así á nova onda de discos co-participados por mecenas, neste caso a través da plataforma Verkami, e movidos polas «gañas de gravar un disco con instrumentos de corda». Deste xeito, se lograren a cantidade de 3.000 euros que precisan para o producir, Pop sairá á luz.
Con este traballo, que poderemos escoitar en decembro, Barroso e Peixoto pretenden achegar a súa propia música, «producida e interpretada por nós». Nel cabe un abano de 15 músicas en que se mesturan, guitarras, bouzouki, mandola, guitarra portuguesa, viola braguesa, cavaquinho, mandolina, banjo e algún elemento máis que decora o disco.

Un traballo de adaptación

O primeiro xeito de se facer co disco deste dúo galego-portugués é a vía que xa iniciaron outras bandas como algo diferente: o financiamento a través do pequeno mecenado. O segundo, mercárllelo aos propios autores unha vez lanzado, pois Pop non terá distribución en tendas. O terceiro será mediante as habituais plataformas dixitais, tamén tras o lanzamento do disco.
Ambos os dous artistas detectan que «ultimamente moitas bandas fan discos para buscar concertos» e teren así unha tarxeta de visita á hora de promocionarse como banda de directo. Para eles, «parece que se perde a idea do disco como tal», feito que procuran reparar con este traballo, adaptándose así á actualidade musical.
Ademais, tanto Fernando coma Luís afirman que «o que mellor define o disco é a artesanía coa que se está a facer», un aspecto tamén moi valorado hoxe en día. Tanto polo xeito de traballar, pola instrumentación empregada ou polo sistema de financiamento que estamos a empregar, «só por iso, pensamos que pode merecer a pena participar del”», conclúen.

Ten que ser!

A práctica totalidade das músicas do disco son orixinais, se ben o estilo e a sonoridade veñen marcadas por teren cada un dos artistas unha longa bagaxe no ámbito da música popular.
Desa mestura de novo e vello, da adaptación á actualidade sen perder de vista a tradición, e de dúas brillantes carreiras, a resposta á pregunta da continuidade da unión musical é clara: «Ten que ser!». Aínda que cada un leve os seus proxectos por separado no futuro, «inevitablemente sempre botaremos man un do outro para producir cousas ou mesmo colaborar noutras», afirman.

0 comments in this post
  • No comments
Add a comment