"A Nena Que Quería Navegar" é un proxecto multidisciplinar destinado a un público familiar que está formado por un espectáculo teatral e un álbum ilustrado que trata de visibilizar as consecuencias do acoso escolar e mitigalas a través de técnicas de reforzo positivo e o aumento da autoestima da infancia.
A Nena está farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros, e por iso foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura topará co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñanzas, xogos e cancións, devolveralle a autoestima perdida, ensinándolle que dentro de cada un de nós agóchase un ser máxico, único e especial, e que só crendo nas nosas capacidades seremos quen de acadar todo o que nos propoñamos.
Esta comedia musical, que se estreará no Auditorio Municipal de Ourense o 23 de outubro, está dirixida por Alex Sampayo e escrita por el mesmo xunto con Borja F. Caamaño, as magníficas ilustracións son de Rodrigo Chao. Este mesmo equipo é tamén o artífice do noso anterior proxecto familiar "Roedores", co que realizamos (e aínda seguimos realizando) máis de corenta representacións por toda a xeografía galega. Completa o equipo a música de Suso Alonso, o atrezzo, vestiario e monicreques de Diego Valeiras, o deseño de iluminación de Carlos Álvarez-Ossorio e a construción da escenografía de Escenoset.
O cartel
O elenco
Laura Míguez (Perplexo, Roedores, O Home Almofada) interpreta á Nena, Guillermo Carbajo (Noiteboa, Roedores, Moito Conto) interpreta ao Xeadeiro e Carlos Álvarez-Ossoiro (Roedores, Fémina Sappiens) interpreta ao Profesor Sorsor.
A que destinaremos as vosas achegas
Destinaremos as achegas a completar a financiación do espectáculo "A Nena Que Quería Navegar", así como á edición do álbum ilustrado do mesmo nome. Este proxecto xa conta cunha axuda para a súa produción concedida pola Axencia Galega das Industrias Culturais.
Sobre as recompensas
Temos distintos tipos de recompensas en función da achega de cada mecenas, e van desde o álbum ilustrado en formato dixital, libros impresos en tapa dura, libretiñas do espectáculo en tamaño A6, entradas para asistir á estrea ou a calquera representación que teñamos, etc. As opcións que inclúan libros impresos levan engadido o envío a calquera destino nacional.
Calendario previsto
A estrea do espectáculo será o 23 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, polo que as recompensas entregaranse na semana do 17 ao 23 de octubre.
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.