A Axenda da Terra e da Lúa 2026
Un proxecto interxeracional feito con calma, arte e comunidade
A Axenda da Terra e da Lúa 2026 é unha axenda galega creada por tres nais e as súas fillas, un pequeno grupo que debuxamos, aprendemos e creamos xuntas. Ao longo dos últimos meses fomos dando forma a cada páxina con coidado, combinando arte, natureza e vida cotiá.
Esta axenda nace do desexo de vivir cun ritmo máis pausado e ligado á terra. Inclúe as estacións, os ciclos da lúa, símbolos naturais, alimentos de tempada e espazos para anotar, respirar, planificar e coidarse. É unha ferramenta para acompañar o día a día doutra maneira: máis amable, máis conectada co que nos rodea e co que realmente importa.
Por que facemos este Verkami?
Queremos imprimir a Axenda da Terra e da Lúa 2026 e, ao mesmo tempo, recoñecer o traballo das máis novas: o seu esforzo, a súa creatividade e o compromiso que puxeron en cada ilustración.
O que recademos servirá para apoiar a viaxe de fin de curso das máis novas, validar o seu traballo e axudar a que este proxecto siga vivo.
É unha maneira fermosa de unir dúas cousas: crear algo útil e bonito, e celebrar o proceso compartido que fixemos ao longo do ano.
Como está feita a axenda?
Non somos deseñadoras profesionais: somos un pequeno grupo de mulleres que crea dende o agarimo e a aprendizaxe. Por iso este proxecto ten ese carácter artesanal e tan humano que nos representa.
Cada mes inclúe as fases da lúa. As lúas aparecen nomeadas segundo tradicións ligadas ao agro e ás labores da terra. Cada mes leva un nome que lembra o que acontece na natureza ou o que toca facer no campo, recuperando así un xeito antigo e fermoso de mirar o ceo e o territorio.
Incorporamos os símbolos do calendario biodinámico —flor, froito, raíz e folla para ofrecer unha orientación sinxela sobre os ritmos naturais que inflúen nas plantas e tamén nas persoas.
As estacións están ilustradas a man.
Inclúe espazos de reflexión, coidados e organización.
Mestura ilustración, cor, natureza e vida.
Está maquetada e preparada para impresión.
As ilustracións naceron de tardes compartidas arredor da mesa, de pinceladas espontáneas, conversacións e aprendizaxes entre xeracións diferentes. Este é o verdadeiro corazón do proxecto.
Un camiño que facemos xuntas
Ademais da creación artística, este proxecto tamén é un espazo de encontro.
A foto do grupo camiñando polo bosque non é só unha imaxe bonita: é unha metáfora do que vivimos. Un camiño compartido, feito con pasos pequenos, coidando o ritmo e a compañía.
Recompensas
A Axenda da Terra e da Lúa 2026
Tamaño: 11 × 18 cm
Páxinas: 148
Encadernación: espiral negra
Interior ilustrado con estacións, ciclos da lúa, símbolos naturais e espazos de organización
Impresión profesional, deseñada para acompañar todo un ano con calma e conexión coa terra

Marcapáxinas ilustrado
Tamaño: 5,5 × 15 cm
Papel Rembrandt 300 g/m², certificado FSC®
Ilustración orixinal
Pola parte traseira inclúe un calendario anual da lúa, para consultar os ritmos lunares durante todo o ano

Bolsa de algodón orgánico
Algodón orgánico 140 g/m²
Tamaño: 38 × 42 cm
Capacidade: 9 litros
Asas longas e cómodas
Impresión: logo de Aira da Curutela, o espazo comunitario onde medrou este proxecto
Cor natural, resistente e lixeira (64 g)

As imaxes que ves aquí en todas as recompensas poden sufrir pequenos cambios, xa que estamos rematando os últimos detalles de maquetación e ilustración.
Quen somos
Somos tres nais e as súas fillas, un pequeno grupo interxeracional que crea, aprende e debuxa xunto. Este proxecto naceu de tardes compartidas, de conversas e de ganas de facer algo útil e fermoso.
Aira da Curutela é o espazo comunitario onde medrou este proxecto e onde nos xuntamos cada semana para darlle vida.
A que destinaremos as vosas achegas
Impresión sostible e profesional da axenda
Recoñecemento e validación do traballo artístico das máis novas
Apoio á súa viaxe de fin de curso
Mantemento e continuidade do proxecto creativo
Grazas por estar
Se cres na creación local, na forza da comunidade e na beleza do que se fai con calma… acompáñanos.
Apoia este proxecto en Verkami e axúdanos a que a Axenda da Terra e da Lúa 2026 se faga realidade.
Un proxecto medrado en Aira da Curutela
Calendario previsto
Ata o 5 de decembro: últimos retoques e preparación final.E envío a imprenta
A partir do 19 de decembro: comezo das entregas e recollidas.
Se queres unha axenda, é importante facer o teu apoio antes do día 5 para poder incluír o teu exemplar na impresión deste ano.
+ Info
Segue o proxecto tamén no aira_da_curutela
0 comentarios
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.