Belén escoita unha voz do outro lado da parede. É incapaz de deixar de escoitala por máis que o intente, por máis que tape os oídos coa almofada, por máis que fisicamente deixe de oíla. Esa outra persoa, á que nunca deixou de estar unida, é a súa ex-compañeira de banda, que compón desde o edificio veciño unha canción que fala de ambas.
DÓ será unha curtametraxe de aproximadamente 12 minutos de duración sobre unha ruptura, no máis ambiguo dos sentidos. É unha aprendizaxe sobre convivir con alguén que xa non está, pero nunca marchou.
A súa directora, Celia Eiras, parte da vivencia real dun amigo na que viu un potencial universal: o dó, a perda de quen é máis próximo a nós e a súa superación; sexa no plano da amizade, do traballo, da creación artística ou do amor romántico.
As personaxes viven un momento vital no que as amizades son como a familia, e nunha conxuntura social na que os vínculos íntimos, sexuais e románticos se atopan cada vez máis diluídos. DÓ é, ante todo, un anaco da experiencia do hoxe. Contemplada, por suposto, desde os ollos da directora e na reminiscencia dos seus vínculos emocionais perdidos no tempo.
Máis información no Instagram de DÓ: @do.curta
A que irán destinados os cartos?
O diñeiro recadado destinarase a pagar ás actrices, ao equipo técnico, o material, as dietas e, por suposto, os custos derivados do crowdfunding, no que entra o merchandising creado especificamente para a campaña e que se detalla na seguinte sección.
Calendario previsto
A rodaxe de DÓ realizarase en setembro do 2023 en Santiago de Compostela. Planeamos rematar o proceso de produción en outubro. A curtametraxe localizarase, case na súa integridade, na casa da directora, a excepción de dúas secuencias de exteriores. Antes da súa estrea, está prevista a súa distribución en festivais. A continuación, o ideal sería realizar, polo menos, un pase aberto ao público nunha sala galega e despois buscar a súa distribución nunha plataforma de vídeo baixo demanda.
A entrega das recompensas realizarase o vindeiro mes de outubro.
O equipo técnico
Celia Eiras -dirección, produción, edición e guión-. Escritora por vocación e xornalista (case) por forza. Hai un ano empezou a realizar os seus primeiros traballos dentro da produción audiovisual, principalmente en vídeos musicais, como Voráxine (Maiko Leinad), MAMBO (nº2: Castelo de Lamento) (Eris MacKenzie), AORTA e RKT (Alexia Piñeiro), Bágoas de Cocodrilo (Berto) e Tired Machine (Jaco); nos dous últimos compartiu a dirección e a edición, respectivamente. Na maioría destes traballos coincidiu con Mundo X e Lara Caeiro, cos que volve a repetir en DÓ.
Mundo X -dirección de fotografía, deseño gráfico e post-produción de imaxe-. Profesional polifacético do audiovisual, Paulo Mouriño Pereiro leva varios vídeos musicais ás súas costas, nos que se encargou da dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, VFX, deseño e edición. Tamén actor e director de teatro, fundou a compañía CRAS. Dirixiu, operou cámara e editou vídeos musicais como MAMBO (nº2: Castelo de Lamento) (Eris MacKenzie) ou Ifa eliges (Xmaseda65) e fixo arte e deseño gráfico para Todo o que che din (Verto) ou EL PUEBLO EN CASA (Don Patricio).
Lara Caeiro -dirección de arte e axudantía de dirección-. Artista galega apaixonada pola arte conceptual. Desde hai cinco anos, dedícase á dirección de videos musicais, videoarte e videopoesía. Vén de realizar o seu primeiro traballo de dirección de arte no cinema, na rodaxe d’As 3 outras vidas de María Santiso (dir. Roberto Alvite). É a directora e guionista do videopoema Agua bendita. Ademais, encargouse da arte e estilismo de MAMBO (nº2: Castelo de Lamento) (Eris Mackenzie) e da dirección e arte en Bágoas de cocodrilo (Berto), Tired Machine (Jaco) e RKT (Alexia Piñeiro).
Aroa Ferreiro -deseño de son e son directo-. Xefa de son directo e deseñadora de son paraficción e audiovisual, Aroa estudou o ciclo superior en son para espectáculos e audiovisuais na EAV e o mestrado en sistemas de son directo de Fuge Audiovisuais (Madrid). Realizou prácticas con David Machado e actualmente reside como mentorizada na 2ª edición do CIMA 1to1 baixo a tutela de Eva Valiño.
Yaiza Mesa -axudantía de produción-. Xienense establecida en Galicia, Yaiza graduouse en Comunicación Audiovisual pola Universidade Rey Juan Carlos I. Especializada na produción audiovisual, sobre todo na xestión de orzamento e contratos, entre os seus traballos atópanse Crying (Ruina Joven) e Time has gone (RevSilver). Alén, o seu traballo na organización das festas Malfario deulle bagaxe no contacto con fontes de financiamento.
Omar Romero -1º axudante de cámara-. O máis experimentado da equipa de DÓ, Omar é técnico superior en realización e espectáculos audiovisuais e en fotografía e iluminación. Desde hai unha década, traballa na realización de videoclips e spots, gravación e iluminación para D4Films, La Utopía del Norte, Bolt Music e Paz and Records.
O equipo artístico
Alixa Ladson é Belén. Alixa é actriz de cinema, televisión e teatro, ademais de modelo, bailarina e cantante. Graduada en Historia da Arte pola USC, recibe formación actoral regular en Espazo Aberto desde 2020. Sobre o seu talento para a interpretación, o teaser de DÓ fala por si só. Actuou nas series Hasta el Cielo (2022), Serramoura (2019), A Estiba (2019) e El desorden que dejas (2020), e nas películas Olvido y León (2019) e Código Emperador (2021).
Mariña Pena é Marta. Mariña é graduada en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural pola USC. Comezou no teatro aos 11 anos, na Escola Municipal de Arte Dramática da Estrada. Dende 2019 ata 2021, formou parte da compañía teatral da USC en Lugo. No ano 2021, entrou na compañía CRAS como actriz, onde foi dirixida por Mundo X.
Xiana Fole é unha rapaza. Graduada en xornalismo, formou parte da compañía teatral da USC, coa que protagonizou en 2019 a obra A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour. Ese mesmo ano creou a compañía Tra Tra Teatro, a través da cal participou cunha pequena parte na obra Arte. Tamén na USC, recibiu formación en dirección de teatro.
Julia Octavio é Julia. Comezou a adestrarse no teatro no instituto e, xa na etapa universitaria, na escola de teatro da USC. Alí reinterpretou Vodas de Sangue (2018). Pouco despois creou a compañía Tra Tra Teatro xunto a Xiana. Baixo a dirección de Miguel Cavadas, protagonizou a obra Arte. Dato curioso: en DÓ, Julia interprétase a si mesma.
Iván Iglesias é Anxo. Comezou no teatro aos sete anos na Aula de Teatro Experimental de Barbadás, onde actou ata a etapa universitaria. Aos 18 anos, entra a formar parte da Aula Universitaria de Teatro de Ourense, baixo a dirección de Sarabela Teatro. Integrado na aula Maricastaña, actúa nas obras Aínda que siga brillando a lúa (2021), O parke do crepúskulo (2022) e As cidades agochadas (2023), todas baixo a dirección de Fernando Dacosta.
1 comentario
Si ya eres mecenas, Inicia sesión para comentar.
Olaia Tubío
viva celia