ACTUALIZACIÓN!! - ACADADO PRIMEIRO OBXECTIVO!!! - SEGUNDO EN MARCHA!
Grazas por apoiar Estación Visual A Coruña, grazas por interesarvos pola historia da nosa cidade, grazas por difundir o noso traballo, grazas por soster unha investigación modesta en medios pero ambiciosa na cantidade de horas que leva detrás, na implicación do equipo e súa vocación de converterse nun proxecto de toda Coruña e para toda A Coruña.
Abrimos segundo obxectivo en 19.100 euros. Seguiremos entregando as recompensas habituais con cada nova achega pero, se acadamos este novo obxectivo, poderemos entregar a todos os que achegastes e a todos os que aínda acheguedes 15 euros ou máis un póster inédito da Estación Visual 100x33 cm percorrendo a historia do territorio da cidade!!
Aquí podedes ver un exemplo preliminar do que será. Agardamos sorprendervos co resultado final!
Queda moita historia por descubrir e estamos desexando amosárvola!!
ESTACIÓN VISUAL A CORUÑA. O PROXECTO
A Coruña a través do tempo e do espazo. É o que propoñemos con "Estación Visual A Coruña", un proxecto de reconstrución virtual da historia do territorio da cidade desde hai 350.000 anos. O traballo que estamos a desenvolver recrea territorio e edificacións en 3D en diferentes épocas, desde o Paleolítico inferior até o final do período romano, o que permite movérmonos nunha contorna web a través da urbe, desde moitos miles de anos antes da súa orixe. Ao acceder poderedes ver, entre outras cousas, o territorio urbano unhas cantas centenas de milenios antes, cando estaba dominado polo mar, antes de ser unha península, ou a Torre de Hércules orixinal no seu contexto xeográfico.
O traballo está profundamente documentado e asesorado nas diferentes áreas que abrangue, principalmente a Arqueoloxía, a Xeoloxía e a Historia. Os resultados visuais da Coruña, que se obteñen desde os diversos Puntos de Observación establecidos sobre o territorio virtual, son completamente inéditos e bastante impactantes para calquera que a teña pisado algunha vez.
A TORRE COMO SÍMBOLO
A Coruña é unha cidade intimamente unida á súa costa e ao mar, pola súa morfoloxía e polo seu devir histórico. Pero, sobre todo, está ligada á Torre de Hércules como símbolo indiscutible. A cidadanía non só valora a transcendencia histórica da construción máis antiga que conservamos en uso desde que se poboou o noso territorio, senón que a ten feito súa a través dun uso intenso e ininterrompido ao longo do tempo en todo tipo de representacións gráficas sempre vinculadas á cidade, desde escudos, logos, rótulos e outras referencias. Por iso, calquera que se sinta parte da cidade entenderá o interese e o atractivo deste proxecto.
O EQUIPO
O equipo que desenvolve Estación Visual A Coruña ten xa experiencia en proxectos creativos e culturais. Somos “responsables”, entre outros proxectos, das reconstrucións arqueolóxicas recollidas nunha serie de pósteres, “Fotos non túnel”, que aínda hoxe é a referencia para calquera reconstrución visual do pasado da cidade e o seu principal monumento, e que formaron parte diversos libros e publicacións especializadas. A referencia foi incluída, por exemplo, na documentación da exitosa candidatura presentada pola Coruña perante a UNESCO para a consideración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade, concedida en 2009.
Noutro dos nosos proxectos, este equipo elaborou o innovador deseño da camiseta do Deportivo da Coruña na época do SuperDépor, que foi nomeada en 2020 pola afección mellor camiseta europea dos anos 90 nun coñecido portal especializado.
Ademais, temos o apoio de figuras referenciais nos campos aos que atinxe o proxecto para asegurar o rigor do resultado. Para desenvolvelo, contamos co asesoramento de figuras como as de:
Juan Ramón Vidal Romaní. Profesor Emérito e Director do Instituto Universitario de Xeoloxía, Universidade da Coruña (UDC)
José María BelLo Diéguez. Licenciado en Historia pola USC. Arqueólogo, Director do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña desde 1997 ata 2017
Xan Luís Vázquez Gómez. Ex arqueólogo municipal da Coruña
Aurelia Balseiro García. Licenciada con Grao en Xeografía e Historia. Directora do Museo Provincial de Lugo
Miguel San Claudio Santa Cruz. Doutor en Ciencias da Antigüidade. Arqueólogo Submarinista. Director-xerente de Archeonauta
Francisco-Javier López Valo. Investigador Histórico-Membro da Asociación de Estudos Históricos de Galicia
Pablo Latorre Gozález-Mouro. Arquitecto encargado da restauración da Torre de Hércules en 1991. Especialista en Restauración
Urbano Fra Paleo. Doutor en Xeoloxía. Catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Estremadura. Académico da Academia Europaea.
POR QUE ESTAMOS AQUÍ?
O proxecto para o que buscamos financiamento ten unha dimensión maior que os nosos traballos previos, xa que, nesta primeira fase, ofrecerá unha perspectiva completa do período que abrangue.
Trátase dun traballo que emprega tecnoloxía avanzada, con múltiples aplicacións en sectores como o educativo, o cultural, o científico ou mesmo o turístico, que está pensado para chegar a un público amplo e, en primeiro lugar, á poboación local, para que poida coñecer unha parte da historia da súa cidade que até o de agora non puidera observar. Así, a nosa idea incluiría a publicación de libros, exposicións, itinerarios didácticos de realidade aumentada, colaboración con publicacións académicas, visualización de novos achados científico-históricos ou vídeos didácticos con animación… Podería construírse tamén unha plataforma para actualizar o pasado ou itinerarios turísticos culturais que engaden unha dimensión máis ás visitas á cidade.
RECOMPENSAS
Unha das principais recompensas que queremos ofrecer ás persoas que apoien o noso proxecto será poder ver na web múltiples enfoques da cidade e da súa contorna ao longo de miles de anos e comprobar como a súa morfoloxía foi cambiando co tempo.
Pero, ademais, haberá distintas compensacións, como o libro do proxecto, con imaxes exclusivas e con prólogo de Juan Ramón Vidal Romaní, profesor emérito de Xeoloxía da Universidade da Coruña, e textos de Miguel San Claudio Santa Cruz, doutor en Ciencias da Antigüidade.
Ademais, tamén podedes optar por ter unha camiseta na que observamos o paso do tempo a través da Torre de Hércules, láminas dixitais de calquera imaxe da web, ademais de poder deixar a túa pegada na Estación Viusual con dedicatorias ou imaxes personalizadas, en función das achegas.
Para as empresas e institucións propoñemos incorporar o seu logo á web ou ao libro do proxecto, elaborar unha imaxe exclusiva patrocinada e referencial ou a oportunidade de recibir unha edición especial do libro ou a lámina como agasallo institucional.
Apetécevos algunha delas?
CALENDARIO PREVISTO
A nosa campaña está aberta desde o 21 de xuño e podedes realizar achegas e animar a outras persoas a que as fagan até o vindeiro 30 de xullo.
Co voso apoio poderemos facer que a web de Estación Visual estea accesible en outubro, xunto coas vosas dedicatorias, e nese mesmo mes poderemos tamén entregar o libro, as láminas e todas as vosas recompensas. Esperamos sorprendervos cos resultados inéditos do proxecto!
Durante o mes de agosto remitirémosvos todos os formularios para que fixedes as vosas preferencias sobre as recompensas personalizadas. E quen teñades pedido as camisetas, xa as poderedes lucir ese mes!
Avisarémosvos uns días antes por e-mail para que teñades unha idea máis precisa de cando poderedes recibir as vosas recompensas.
SEGUE COÑECÉNDONOS
Se queres coñecernos mellor, podes visitar a nosa web Galaicos, a web de Enrique JP Cabarcos e, sobre todo, o prototipo da web de noso proxecto Estación Visual A Coruña, onde xa podedes ver desde un computador (non optimizada aínda para móbil) algúns dos resultados do noso traballo e tamén facervos unha idea do que poderemos conseguir se nos apoias.
E para estar ao tanto das novidades do crowdfunding, síguenos nas nosas redes sociais, onde verás imaxes moi especiais da Coruña e da súa contorna:
#Divulgación #Xeoloxía #Arqueoloxía #Historia # ACoruña #Galicia # TorredeHércules # HistoriaTúa # CoruñaEterna
15 comments
If you are already a sponsor, please Log in to comment.
Jacobo Manuel García Roura
Hagamos que nuestra ciudad tenga su Historia SIEMPRE VIVA :)
JUANCINHO
Un lujo y un placer el poder colaborar con este proyecto.
Margarita Queijo Rodríguez
Gracias por dar a oportunidade de ver tan impresionante traballo.
Forza, ánimo e saúde!!
Galaicos
Author
Grazas a todos polas vosas achegas e polos azos!!
Manuel F Herrador
Moito ánimo!
bcurpra
Longo camiño...parabéns!
José Luis Rodríguez Brion
La creatividad y el trabajo merecen ser recompensados, por ello: Suerte!
Rubengarrote
Espero que este pedazo traballo acade o obxetivo canto antes. Moita sorte!
lorefuente
Deseando disfrutar del resultado!!
lorefuente
Deseando disfrutar del resultado!!