❗️Para poder empregar Verkami debes facelo dende outro navegador. Instala ou entra desde: Microsoft Edge, Chrome ou Firefox. Microsoft deixou de actualizar o navegador Internet Explorer que estás empregando e deixou de ser compatible coa maioría dos sitios web.

Guía de Internet para organizacións sociais

Esta Guía quere resolver as dúbidas que xorden nas ONGs, asociacións e movementos sociais que queren aproveitar a potencialidade de Internet pero carecen de experiencia en todos ou algún dos seus aspectos técnicos, estratéxicos, legais, de marketing... Nela condensa o autor 20 anos de experiencia.

Manuel Casal Lodeiro

Un proxecto de

Categoría

Creado en

0
segundos
19
Achegas
390€
De 4.012€
Achega ao proxecto

Elixe a túa recompensa

Ou apoiao cunha doazón

Achega sen recompensa
Fai unha doazón altruísta ao proxecto xa que simplemente queres axudar a facelo realidade:

Como pode axudar Internet aos obxectivos da nosa asociación? Como poñer en marcha unha campaña de sinaturas online para que teña o máximo alcance? Que opcións temos para crear un web? Como conseguir chegar coa nosa mensaxe ao público que nos interesa? Como situar optimamente un web nos buscadores? É mellor crear un web diferente por proxecto ou publicar todo nun mesmo web? Como manexarmos as listas de correo e para que nos poden servir? Que problemas legais nos poden afectar na nosa actividade online? Cal é a maneira de utilizar as redes sociais de maneira eficaz e sen perdermos o tempo? Como aproveitar a tecnoloxía evitando os seus riscos?

Estas son algunhas das dúbidas frecuentes entre as entidades non lucrativas ás que trata de dar resposta esta guía.

Eu son Manuel Casal Lodeiro e se cadra xa me coñeces en Internet polo meu alcume de «Casdeiro». Traballo como Consultor de Internet e levo case 20 anos unindo Internet e activismo social e cultural e colaborando con diversas organizacións sociais galegas. Coñezo os proveitos da Rede tanto para o mundo empresarial como para o denominado Terceiro Sector e veño defendendo de longo as posibilidades do medio dixital para a trasformación social. Por iso quero contar coa vosa axuda para debullar neste manual e cunha orientación moi práctica, todos os aspectos de Internet que vós —e moita máis xente— como responsables ou participantes nun colectivo non lucrativo tedes que coñecer para facerdes un uso óptimo da Rede na procura dos vosos obxectivos.

Ao longo dos anos que levo colaborando con todo tipo de asociacións e colectivos, asesorándoos en cuestións relativas a Internet, teño detectado numerosas lacunas que van desde aspectos técnicos puntuais ata importantes erros estratéxicos. Moitas veces os nosos colectivos non teñen orzamento para contratar un asesoramento profesional e estes erros rematan por lastrar a efectividade das súas accións online. Con esta Guía pretendo orientar a todas as persoas implicadas nestas accións sociais e culturais en Internet, complementándoo cun asesoramento básico personalizado aos que optedes por ese tipo de recompensa na vosa achega ao proxecto.

A QUEN VAI DIRIXIDO

A Guía que quero realizar irá dirixida a todo tipo de colectivos sociais galegos: asociacións, fundacións, ONGs, colectivos ecoloxistas, sindicatos, asembleas dos Indignados, etc. Tamén lle tirarán bo partido as/os activistas que a título individual colaboran habitualmente con algunha ou varias organizacións deste tipo.

Tamén pequenas empresas ou profesionais poderán atopar moito de interese aplicable aos seus negocios, sobre todo se traballan no eido social, cultural ou medioambiental.

A QUE IRÁ DESTINADO O DIÑEIRO ACADADO

Este é o orzamento desglosado do proxecto:

  • Elaboración dos contidos: 1.500,00 €

  • Coordinación da publicación e xestión dos envíos: 833,33 €

  • Deseño da capa e maquetación: 150,00 €

  • Rexistro nome de dominio: 12,00 €

  • Sobres para envío por Correo: 66,01 €

  • Envío por Correos como carta normal <100 gr (tarifa Postlibris): 315,00 €

  • Impresión dixital e encadernación (500 exemplares): 725,00 €

  • Comision Verkami (IVE incluído): 232,90 €

  • Comisión bancos (aprox.): 55,82 €

  • 4% de IVE para Facenda: 155,60 €

CUSTO TOTAL = 4.045,66 €

CALENDARIO

Unha vez acadada a financiación precisa a comezos de xuño de 2013, a Guía podería estar lista para final do verán. Xa que logo, as recompensas (nomeadamente o propio libro) comezarían a enviarse a finais de agosto ou comezos de setembro, en función do que tardase exactamente a imprenta.

ÍNDICE PROVISIONAL DA GUÍA
(A Guía terá aproximadamente 100 páxinas e será editada en tamaño A5. Considero que é interesante, polo público ao que se dirixe facela en formato físico e non como libro dixital.)

*- INTRODUCIÓN.

-- A quen se dirixe esta guía.

-- Utilidade de Internet para as organizacións sociais.

-- Alcance e limitacións de Internet.

  • ALGÚNS CONCEPTOS BÁSICOS.

-- O acceso a Internet.

-- O correo electrónico.

-- Os nomes de dominio.

-- Os sitios web e o seu aloxamento.

-- As redes sociais online.

-- Redifusión de contidos: RSS.

-- Netiqueta.

-- Seguridade e privacidade.

-- Posicionamento e SEO.

-- Métricas e estatísticas.

  • INTERNET COMO FERRAMENTA DE USO INTERNO E PARA A COLABORACIÓN.

-- Introdución.

-- O correo electrónico.

-- As listas de correo electrónico.

-- As intranets.

-- Wikis e pads.

-- Procesos de debate e decisión online.

-- Xestión da información e do coñecemento.

-- Outros.

  • INTERNET COMO MEDIO PARA A COMUNICACIÓN EXTERNA E A DIFUSIÓN.

-- Introdución. Características de Internet como medio.

-- Vías para a promoción online.

-- Vías para a fidelización online.

-- Reputación online.

  • CIBERVOLUNTARIADO E CIBERACTIVISMO.

-- Voluntariado online.

-- Activismo online.

  • INTERNET COMO MEDIO PARA A CAPTACIÓN DE FONDOS.

-- Introdución.

-- Os medios de pagamento en Internet.

-- As tendas online.

-- Algúns conceptos sobre o fundraising.

-- O crowdfunding.

-- Outros.

  • A DEFINICIÓN E CONSTRUCIÓN DUN SITIO WEB.

-- O proceso.

-- Erros que evitarmos.

-- Alternativas.

-- Os blogs.

-- O mantemento e xestión dos webs e as redes sociais.

  • LEXISLACIÓN QUE AFECTA AOS PROXECTOS E ACTIVIDADES ONLINE.

-- Introdución.

-- Responsabilidade por contidos.

-- Propiedade intelectual.

-- Outras obrigas legais.

  • RISCOS E PROBLEMAS DE/EN INTERNET.

-- Introdución.

-- Uso abusivo e dependencia.

-- Acoso, trolling, flaming...

-- Incoherencia ética.

-- Limitacións de Internet.

-- Algunhas críticas a Internet e ás NTIC.

  • BOAS PRÁCTICAS E EXEMPLOS.

  • ONDE CONSEGUIR AXUDA.

  • GLOSARIO EN/ES/GL(ILG)/GL(AGAL).

  • AGRADECEMENTOS E ENTIDADES COLABORADORAS.*

CAPA DO LIBRO

Capa provisional da Guía
Capa provisional da Guía

LIGAZÓNS
Web persoal do autor
Twitter do autor
Información do proxecto no wiki do autor

guía internet

Preguntas frecuentes

Ainda non hai ningunha pregunta publicada.

¿Tes algunha outra dúbida ou pregunta?

Pregunta ao autor/a

10 comentarios

Si xa eres mecenas, iniciar sesión para comentar.

  • Manuel Casal Lodeiro

    Manuel Casal Lodeiro
    Autor/a

    case 11 anos

    É difícil porque o que se fan en Verkami son "compromisos de achega", e non "achegas" directas: é dicir, non se cobra aos mecenas ata que non se consegue un total de compromiso igual ao custo do proxecto. E se non se chega, non se cobra nada. Como comprenderás isto dificulta recibir diñeiro mediante transferencias e outras vías.
    (Podes consultar acerca disto en http://www.verkami.com/page/faq )

    Así pois o único que che podo aconsellar é que fales con algunha persoa amiga ou familiar que si manexe tarxeta e que lle expliques como é o sistema e acordes con ela que no caso de que finalmente se cobre a achega desa tarxeta, ti lle reintegrarás o diñeiro en metálico: así será como se o tiveses pago ti.

    Sinto que non haxa outro xeito :-(

  • Begoña de Bernardo

    Begoña de Bernardo

    case 11 anos

    Cómo podo facer para facer unha aportación se non teño tarxeta de crédito?

  • Manuel Casal Lodeiro

    Manuel Casal Lodeiro
    Autor/a

    case 11 anos

    Non entendo moi ben a túa pregunta, Miguel A. Nunca en todos os anos que levo de consultor de Internet, e moito menos nesta obra, me limitei a falar de ferramentas comerciais: mais ben todo o contrario e sempre dei alternativas libres, explicando as súas vantaxes. De todos xeitos a Guía pretende ir máis alá dun simple repaso de ferramentas, como podes ver no índice. Trátase de axudar a entender Internet como un medio estratéxico para o activismo social e cultural, e a abordalo dunha maneira práctica pero sempre guiada por uns obxectivos claros: que queremos lograr en/de a Rede e como o imos conseguir.

  • Miguel A. Quinteiro Núñez

    Miguel A. Quinteiro Núñez

    case 11 anos

    Non sei si te refires a utilizar as ferramentas que xa se ofrecen no Internet de un xeito comercial, ou, como informático vas mais aló pensando na que poida haberse feito especificamente ao marxe do sistema ... En calquera caso,habería que diferencia

  • Manuel Casal Lodeiro

    Manuel Casal Lodeiro
    Autor/a

    case 11 anos

    Non sei cal ves ti que sexa o problema do copyright "estándar" (cal outro suxires ti?). Claro que posúo permiso expreso deste cliente para utilizar aquel material, o contrario non sería moi ético, non che parece? E non, a súa política de dereitos non inclúe as licenzas libres. Como che digo, pensei moito sobre o tema e non acho outra solución.

  • daniel.espinheira

    daniel.espinheira

    case 11 anos

    Como é que podes facer unha obra derivada e publicar con copyright "estándar" e ao mesmo tempo non podes usar unha licenza "tipo copyleft" (CC:obras derivadas+compartir igual). Permiso expreso de quen posúe os dereitos?. Propuxecheslle licenza libre?

  • Manuel Casal Lodeiro

    Manuel Casal Lodeiro
    Autor/a

    case 11 anos

    Claro, penseino pero hai un problema de permisos de reprodución xa que parte do material que vou utilizar de partida (aínda que reorganizado, ampliado e actualizado) fixérao hai algún tempo para un cliente e iso sería incompatible agora coa súa liberación como copyleft. De todos xeitos está aberta a posibilidade de liberar outras partes da guía que sexan feitas totalmente "ex novo". Grazas pola suxestión :-)

  • daniel.espinheira

    daniel.espinheira

    case 11 anos

    Consideraches liberar o proxecto? Refírome a publicar o libro con licenzas menos restrictivas tipo Creative Commons, permitir a copia e distribución, dipoñibilizar o libro para descarga gratuíta, etc.

  • Manuel Casal Lodeiro

    Manuel Casal Lodeiro
    Autor/a

    case 11 anos

    Grazas, Ana. Pois é unha pregunta lóxica que vou tentar aclarar xa porque seguro que lle interesa a máis xente. Está orzamentada no proxecto unha primeira edición de 500 exemplares. Dependendo do número de achegas podería quedar esgotada cos libros que se van enviar aos que apoiedes aquí en Verkami, pero é probable que sobre exemplares. Estes serían postos á venda a un PVP de 12 euros nas librarías que estivesen interesadas.

    Tamén, dependendo do número que quedasen dispoñibles, pensei en doar parte dos exemplares que queden pagos e sen distribuír aos "mecenas", a entidades sociais que non poidan permitirse colaborar por problemas económicos.

  • Ana

    Ana

    case 11 anos

    Noraboa polo proxecto!!! Unha consulta: cando estea rematado o libro, poderase mercar nas librarías?

#12 / Non o conseguimos :-(

A tan só 1 hora de que se peche o prazo, está máis ca visto que non demos xuntado os apoios precisos para converter este proxecto de libro nunha realidade. En breve publicarei unha reflexión ao respecto nun dos meus blogs.

Polo de agora vaia o meu máis sincero e afectuoso agradecemento para as 19 persoas ou entidades que quixestes axudar. Habemos seguir en contacto, non o dubidedes :-)

#11 / Xa está online a nova entrevista radiofónica sobre o proxecto #GIOSgz

Desde hoxe podedes escoitar a nova entrevista para radio que fixen falando deste proxecto de Guía de Internet: http://adega.info/info/090121joomla/files/Radio_cerna/22mai13.mp3

Grazas á xente de Radio Cerna polo seu apoio difundindo o proxecto. Aínda queda tempo, aínda é posible facer realidade o libro!

Axudade enviando a entrevista aos vosos contactos máis implicados socialmente. Grazas!

#10 / Últimos esforzos promocionando o proxecto

Só quedan 9 días e as achegas polo de agora están moi por debaixo do que podiamos esperar. Dos 4.012 euros estamos aínda en 330, é dicir, algo máis do 8% do diñeiro obtido. A estas alturas deberíamos ter xa polo menos o 75% do diñeiro recadado, segundo os meus cálculos.

Xa que logo centrareime nesta semana en redobrar esforzos para dar a coñecer o proxecto. Conto coa vosa axuda! Podedes deixar aquí as vosas ideas e comentarios sobre como e a quen dalo a coñecer, ou podedes vós mesmos libremente enviar mensaxes aos vosos contactos que pensedes poidan estar interesados en que este libro se faga realidade. Grazas unha vez máis a todos os que estades a axudar! :-)

#06 / Novas posibilidades de apoio dirixidas ás ONGs

Desde hoxe existen 2 novas posibilidades de apoio máis acaídas ás necesidades das entidades sociais galegas. Achegando 60 ou 90 euros pódese recibir a Guía (2 exemplares) pero sobre todo asesoramento personalizado: se coidades que con 2 h de consultas online abonda, a opción de 60 euros é a achega que máis vos convén. Porén, se precisades un asesoramento ou formación específica que se realice presencialmente (só se dispoñedes dun local da vosa organización en Compostela), entón podedes obter 4 h co autor ademais dos 2 exemplares, por 90 euros.

Os libros irán acompañados nestes casos tamén por un vale co que facer efectivo ese asesoramento no momento en que o precisedes, acordando unha data comigo previamente.

Espero que isto permita axustar máis os xeitos de apoiar coas necesidades reais das entidades, que coido poden precisar máis axuda personalizada en troques de moitos exemplares da Guía.

#05 / Chegamos ao ecuador da fase de crowdfunding

Dos 40 días que Verkami nos dá para conseguir os fondos solicitados para converter en realidade esta publicación, xa foron alá a metade deles. Agora só nos restan 20 días para acadar os pouco máis de 4.000 euros que costará crear e distribuír esta Guía.

A estas alturas os apoios recibidos deberían ser xa moito máis numerosos (apenas conseguimos 185 euros e 11 mecenas), así que fará falta un esforzo moito maior para dar a coñecer o proxecto ás persoas e organizacións potencialmente interesadas. Anímote a que botes unha man, sexas mecenas ou aínda non, para difundir o proxecto entre os teus contactos. Só se o público o quere, este libro será unha realidade.

Grazas de antemán polo esforzo e pola vosa implicación :-)

#04 / Código Cero fala tamén do proxecto #GIOSgz

Cuns días de retraso veño de coñecer que a veterá publicación galega sobre NTICs, "Código Cero" tamén se fixo eco deste proxecto de Guía. Nun eloxioso artigo explican que:

"Este recurso de ida e volta chamarase Guía de Internet para as organizacións sociais e constituirá, a todas luces, un recurso de primeira liña para axudar ás nosas comunidades a tirar o máximo proveito das redes para promoverse, informar dos seus traballos, traballar ombro con ombro con outras comunidades e, tamén, facer máis comunidade."

Grazas pola difusión, amigos!

#03 / Difusión en Galicia Confidencial

A xente de Galicia Confidencial publicou onte unha reseña deste proxecto, o cal lles agradezo pois axudará a que o coñezan máis potenciais interesados. Convídovos a lelo:

http://galiciaconfidencial.com/nova/14129.html

O proxecto leva un ritmo de captación de apoios menor do previsto e todos os interesados deberemos facer un esforzo adicional para facérllelo chegar a todos aqueles colectivos e persoas que poidan beneficiarse del. Grazas pola vosa axuda!

...Seguiremos a informar.

#02 / Suxestión de contidos adicionais

Mentres continúan chegando os primeiros apoios económicos a este proxecto de Guía, recibimos tamén algunhas ideas para ampliarmos os contidos. Quero expresamente convidarvos a todos os interesados en suxerirme mediante o sistema de consultas de Verkami, aqueles temas que non vexades recollidos no índice provisional, para que os engada á Guía definitiva. Grazas de antemán polas ideas para mellorar esta obra!

#01 / Arrinca a fase de financiamento!

Hoxe ás 9:00 arrincou o proxecto en Verkami e comezo os labores de promoción en Internet. Xa teño unha páxina de referencia no meu wiki persoal onde farei redifusión deste blog de proxecto: http://www.casdeiro.info/wiki/doku.php?id=gios Tamén crei unha URL curta que leva a esta páxina en Verkami: http://is.gd/GIOSgz Podedes usala para difundir en medios como Twitter onde convén usar enderezos curtos. Tamén usarei alí a hashtag #GIOSgz. GIOS, evidentemente, é un acrónimo do título da Guía ;-)

Grazas de antemán a todas as persoas e organizacións que apoiedes este proxecto!

Utilizamos cookies propias esenciales para poder ofrecer nuestro servicio y de terceros para poder conocer el uso de la página. Política de Cookies